Patrocinado por:

O incrible estrés do Campionato do Mundo de Tetris

Carlos Pereiro

LECER\

O estadounidense Joseph Salee, de só 16 anos, arrebata o título ao sete veces campión do famoso videoxogo Jonas Neubauer nunha final de infarto

23 oct 2018 . Actualizado ás 14:42 h.

Hai xogos polos que parece non pasar o tempo. Conxelados no subconsciente. Unha partida leva a outra e así toda unha tarde se un se despista. O Tetris leva desde 1984 sendo o videoxogo de quebracabezas máis famoso do mundo, e hoxe ese mundo ten un novo campión para o xogo deseñado por Alekséi Pázhitnov.

Desde fai oito anos, o título ten o seu propio torneo mundial co nome Classic Tetris World Championship. Nel xógase a unha versión especial baseada na entrega de NES, a lenda dos oito bits de Nintendo. Na práctica, é simplemente unha versión executada nun computador que emprega unha fórmula para xerar secuencias de pezas iguais para dous xogadores ao mesmo tempo. É dicir, evita que a sorte entre en escena e deixa todo en mans dos participantes.

No torneo deste ano, o estadounidense Jonas Neubauer, sete veces campión, partía como favorito, pero a través dunha partida que quedará na memoria dos deportes electrónico o seu compatriota Joseph Saele, con tan só 16 anos, arrebatoulle o título cunha épica remontada. A continuación podedes ver a retransmisión oficial da recta final do torneo:

Ata esta edición, Neubauer reinara con autoridade nas finais nas que participase e demostrou ser un auténtico monstro do xogo soviético. O estadounidense non puido con Saelee, que agora é o campión do mundo de Tetris e, por suposto, o competidor máis novo da historia en facerse co título.

Este artigo publicouse anteriormente en REVISTA MORCEGO