Patrocinado por:

Intentan cobrar 40.000 euros por cargar un coche eléctrico en Ames

LECER\

Anxo Manso

Os empregados da estación de servizo aseguraron á familia Fortes que o prezo era de 0,50 euros por watt hora, o que suporía 108 euros por cada quilómetro percorrido

15 oct 2018 . Actualizado ás 22:30 h.

A familia Fortes sufriu un incidente esta fin de semana en Galicia durante o seu periplo pola comunidade para promocionar os beneficios da mobilidade eléctrica. O sábado pasado levaron os seus dous vehículos Tesla a recargar as súas baterías nunha estación de servizo de Aldea Nova (Ames), na estrada Santiago-Noia, tras ter consultado na web Electromaps a existencia e funcionamento deste punto.

Tras situar os dous coches na zona de carga, onde hai dúas conectores TYPE 2 (Mennekes) cunha potencia de saída de 400V / 32A / 22.00kw, Alan Fortes dirixiuse aos empregados da gasolineira para que activasen os mesmos. Ante a súa sorpresa, indicáronlle que o prezo por watt era de 0,50 euros. «Serendipity [o alcume que lle dá esta familia á súa Tesla Model S] ten 85 quilowatts hora, iso son 85.000 watts hora. A 0,50 son 40.250 euros a carga do coche», explica Alan nun vídeo que colgou inmediatamente en YouTube para denunciar a situación.

A pesar de intentar razoar cos operarios, estes confirmáronlle que o prezo era correcto. «Se recargásemos totalmente a Serendipity e a Big Blue [o outro automóbil eléctrico no que viaxaron, un Tesla Model X] estariamos a falar dunha recarga de 81.000 euros, a min antóllalleme un pouco caro», ironiza o cabeza de familia. Tendo en conta que a autonomía do Model S é duns 370 quilómetros, iso suporía unha media de 108 euros por cada mil metros percorridos. Ao final tiveron que marcharse sen poder cargar as baterías.

Evidentemente, todo se debeu a unha confusión por parte do persoal da estación de servizo e en Electromaps  aparece que o custo da recarga neste punto custa 0,50 euros o quilowatt hora (kWh). Aínda así, unha tarifa bastante onerosa se temos en conta que o prezo da electricidade para un vehículo movido por baterías de ión-litio está actualmente ao redor de 0,15 euros por quilowatt hora. Moitas estacións mesmo permiten a estes coches (cuxo número é aínda bastante limitado) recargar totalmente gratis.

Segundo Alan Fortes, este episodio «demóstranos o absoluto descoñecemento que hai respecto diso» e lamenta que lles ocorrese cando precisamente se desprazaron a Galicia para dar a coñecer a mobilidade sostible. «Sitios como este non están preparados para a chegada do vehículo eléctrico _insiste_, pero afortunadamente son os menos».