Patrocinado por:

Por que a Facebook non lle gusta que se fale de Historia

M.Viñas

LECER\

Censura os espidos, dándolle igual que sexan pornografía, arte ou fotoperiodismo, e agora tamén clases educativas sobre conflitos mundiais

18 sep 2019 . Actualizado ás 14:24 h.

Que a Facebook  (e por extensión a Instagram) non lle gustan as mamilas ao aire non é novidade, moito menos os espidos integrais, aos que lles mete a tesoira sen vacilar en canto alguén se atreve a publicalos nos seus dominios, xa sexan pinturas de Rubens, algunha foto icónica -como a da nena do napalm- ou directamente pura e dura pornografía. O seu algoritmo é recatado, puritano onde os haxa e moi estrito: considera xenitais, nádegas e peitos femininos (que non masculinos) partes do corpo «perigosas»; imaxes explícitas de relacións sexuais, un atentado contra a moral; descricións de alta voltaxe detalladas, unha afronta sen precedentes. É intuílas, e pór o berro no ceo: publicación automaticamente borrada. O inaudito agora é que tampouco parecen agradarlle as clases de Historia. Academia Play, unha ferramenta de aprendizaxe a través do formato vídeo, comprobou como en máis dunha e en máis de dúas ocasións a plataforma social impediulle monetizar as súas pezas audiovisuais. 

Nin as súas charlas educativas fan apología da violencia, nin fomentan tampouco o odio e a discriminación, razóns máis que comprensibles, no caso de que así fose, para que Facebook se puxese censor. Cumpren, en cambio, todas as condicións que esixe a rede para inserir anuncios nos vídeos e así sacar algo de tallada deles -ter como mínimo 10.000 seguidores, que o contido sexa orixinal e ter conseguido 30.000 reproducións de mínimo un minuto en pezas de, polo menos, tres minutos de duración- e en canto ao fondo do divulgado, nada hai que contradiga as condicións: nin linguaxe que incite ao odio, nin expresións que animen a cometer actos agresivos, nin contido sexualizado. E, con todo, Facebook penalizou varias das súas pezas que, casualmente, teñen un denominador común máis concreto que a Historia: falan de conflitos.

Tal e como explican os responsables de Academia Play en Xataka, Zuckerberg non lles deixou inserir publicidade nin en pezas que tratan sobre a Primeira e Segunda Guerra Mundial, nin tampouco nas que abordan a Guerra de Cuba ou a Revolución Rusa. Parece que pouco lle gusta profundar nas feridas. Con todo, inexplicablemente, tamén puxo coto a un tema sobre Miguel Ángel e a outro de Leonardo. 

Ben é certo que nas súas normas de contido sobre monetización, Facebook especifica que esta pode reducirse ou restrinxirse se o vídeo mostra ou aborda asuntos sociais en debate, actividades cuestionales ou traxedia ou conflito, que mesmo pode chegar a inhabilitar a publicación se se aproxima a «acontecementos que implican sufrimento, destrución ou angustia», «xa sexan reais ou de ficción». «O contido que mostre ou aborde estes temas dun modo expresamente motivador ou educativo aínda pode reunir os requisitos para monetización», aclara a continuación. Sería este, pois, o caso. 

O control dos contidos para garantir que se respectan os estándares establecidos desenvólvese, precisa Facebook, de forma automática -a través dunha «aprendizaxe» que fai a máquina-, pero tamén humana. Ambas se combinan, require a revisión dun ser de carne e óso. Como é posible entón que a plataforma siga castigando material didáctico e artístico, pezas históricas e xornalísticas? Que é conflito e que non o é para Facebook?

PARA SABER MÁIS