Patrocinado por:

R seleccionará proxectos para impulsar o talento e a innovación audiovisual

Javier Armesto Andrés
javier armesto REDACCIÓN / LA VOZ

LECER\

ANGEL MANSO

A operadora terá a colaboración de Amtega e Televisión de Galicia

28 novs 2018 . Actualizado ás 20:40 h.

«O mundo cambiou, síntoo na Terra, síntoo na auga, chéiroo no aire...». As palabras de Galadriel na primeira película do señor dos aneis de Peter Jackson, maxistral compendio das posibilidades e o talento da industria audiovisual, poderían perfectamente facer referencia aos retos que encara este sector no século XXI. Un sector que «ten unha importancia estratéxica como consecuencia do cambio de paradigma das nosas vidas e que deu orixe a novos formatos de contido, perfís e patróns de consumo». Así o recoñeceu onte na Coruña o director xeral de R , Alfredo Ramos, durante a presentación do programa R_DiCo Challenge, unha aceleradora de contidos dixitais impulsada pola operadora galega no marco da iniciativa DiCo Mindset da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

A idea é, segundo Ramos, «canalizar o talento e os proxectos innovadores, fomentar o emprendemento e que o sector poida aproveitar todo ese potencial para mellorar os seus produtos e servizos». Para iso seleccionaranse unha serie de solucións (impulsadas por emprendedores, start-ups, spin-offs ou empresas xa consolidadas) en ámbitos variados como os videoxogos, aplicacións para Android TV, realidade virtual e aumentada, Big Data aplicada a contidos televisivos ou Internet das Cousas.

O programa comezará co lanzamento de cinco retos tecnolóxicos, un deles patrocinado por Televisión de Galicia, que nos próximos días poderanse consultar na web da aceleradora (www.startupsR.com). Nunha primeira fase elixiranse 20 candidatos, que recibirán sesións formativas e participarán en eventos de pitching (presentacións rápidas, verbais/audiovisuais do proxecto) na Cidade da Cultura, sede de Amtega e do espazo Startups R. A axencia da Xunta porá á súa disposición un mentor personalizado e axuda económica.

Os cinco finalistas traballarán man a man con R e terán acceso á súa infraestrutura (fibra, data center, plataforma 4K) e modelo de negocio, recibirán a formación e o acompañamento permanente dos mentores e titores da compaña, co obxectivo de identificar a viabilidade do proxecto no mercado. A propia R e TVG serían as primeiras interesadas na súa compra.

A directora da Amtega, Mar Pereira, valorou a importancia dunha iniciativa «coa que se procura primeiramente xerar emprego no sector, animar a emprededores e potenciar a innovación tecnolóxica en Galicia para fornecer un mercado en alza e competir a todos os niveis dentro e fóra da comunidade».

Pereira explicou que o dos contidos dixitais é xa un «hipersector TIC» que necesita alimentar o hardware e o software con creatividade. A aceleradora Startups R DiCo Challenge suporá, dixo, unha oportunidade para que o sector tecnolóxico galego e o audiovisual poidan ir da man e «afrontar novos modelos de consumo onde as televisións públicas non chegan, contidos que mozos consomen como queren e cando queren, e ademais opinando».