Patrocinado por:

Tres de cada catro presentas usa o «smartphone» para escoitar música

l. m. REDACCIÓN / LA VOZ

LECER\

España está á cabeza de Europa no uso do teléfono como reprodutor

16 oct 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

O mundo da música, que xa dixo adeus ao disco de vinilo e ás cintas de casette, vaise despedindo aos poucos dos cedés e dos dispositivos de MP4. O teléfono móbil é o novo reprodutor musical para tres de cada catro usuarios no mundo, segundo pon de relevo o último informe Music Consumer Insight Report 2018, elaborado pola Federación Internacional da Industria Discográfica (IFPI).

O informe sitúa no 75 % a media global de persoas que usan o teléfono móbil como dispositivo para escoitar música e subliña que España supera esa media cun 79 % que pon ao país á cabeza de Europa neste aspecto. Este índice crece exponencialmente nos sectores máis novos da poboación, cun 94 % no caso de usuarios de entre 16 e 24 anos. Deste grupo de mozos, un 58 % elixiría un smartphone en caso de ser obrigado a escoller un único aparello para reproducir as súas cancións favoritas.

A media nacional baixa, en cambio, no que se refire ao número de horas semanais dedicadas a escoitar música: 16,9 horas (2,4 horas diarias), fronte ás 17,8 horas no mundo (2,5 diarias). Nos consumidores máis novos crece a tendencia a escoitar cancións mentres practican algunha outra actividade. Un 72 % aseguran facelo nos medios de transporte no traxecto cara ao traballo ou o centro educativo e un 69 % para relaxarse en casa.

Nesta nova revolución tecnolóxica, o 86 % dos usuarios de Internet a nivel global escoitan música en streaming por medio dalgunha das plataformas dispoñibles. Tamén neste aspecto España supera as cifras e sobe ata o 89 %. O uso de servizos de audio como Spotify e Apple Music acada o 61 % (o 63 % en España). O streaming de vídeo a través de servizos como YouTube suma máis da metade do tempo (52 %) dedicado a escoitar música baixo demanda.

Elevada piratería

O estudo tamén serve para pór de relevo que a metade do contido (un 38 % do total de usuarios de Internet e un 47 % en España) segue sendo pirateado. Un 40 % dos usuarios españois practica stream ripping, técnica empregada para descargar de forma ilegal cancións que soan nas plataformas de Internet. A media global é do 32 %.

No caso das descargas a través de redes P2P, estímase que son utilizadas polo 23 % dos usuarios no mundo. Quen recorren a iso aseguran facelo para poder escoitar música sen conexión, evitando así pagar por unha subscrición premium que lles permitiría facer isto mesmo de forma legal.

O informe da Federación Internacional da Industria Discográfica estima que a industria recibe uns 20 dólares anuais (17,2 euros) por cada usuario de Spotify , mentres que no caso de YouTube supón menos dun dólar por usuario. En España, o consumo traduciuse nun 16 % do total dos ingresos do streaming durante a primeira metade do 2018.

No cómputo global, o 28 % dos usuarios de audio streaming conta cunha subscrición de pagamento, mentres que o 20 % emprega unha subscrición gratuíta. En España, con todo, a porcentaxe das subscricións de pagamento baixa o 16 % e as gratuítas acadan o 29 %. No entanto, o estudo conclúe que o 57 % dos usuarios entre 16 e 24 anos contan con algunha subscrición de audio de pagamento.