Patrocinado por:

Víctor Salgado: «Temos servizos gratuítos que pagamos coa nosa privacidade»

b. p. l. REDACCIÓN / LA VOZ

LECER\

ANGEL MANSO

O avogado especializado en Dereito TIC afirma que o novo regulamento implica un cambio de mentalidade na protección de datos

25 may 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Víctor Salgado, avogado especializado en dereito TIC e profesor na Universidade da Coruña, explica que o novo Regulamento Xeral de Protección de Datos «é un punto e seguido, un afondamento dos dereitos que xa confería a normativa actual». Alerta da existencia dalgunhas prácticas fraudulentas na asesoría de empresas para a aplicación da nova regulación.

-Estará o usuario máis protexido a partir de hoxe?

-Si, sin duda. O novo regulamento é unha continuación da normativa e unha volta de porca para as obrigacións dos principais operadores que tratan os nosos datos, especialmente a través de Internet, léase redes sociais, buscadores e demais. Como están establecidos fóra do territorio da UE, en moitas ocasións non se consideraban obrigados, pero con este novo regulamento si o están. A súa responsabilidade, como a de todos os operadores que traten datos de carácter persoal, é exponencialmente maior. Antes as sancións variaban e España era un dos países que máis sancionaba, con ata 600.000 euros pola infracción máis grave. Neste novo escenario, as multas serán de ata 10 millóns no primeiro chanzo e ata 20 millóns no segundo, chegando ao 4 % do volume de facturación da empresa. Aplicaríase a cantidade que fose maior. Ata agora para os grandes operadores as penalizacións eran asumibles, pero agora o escenario cambia diametralmente.

-Deixaremos de recibir comunicacións non desexadas?

-Desgraciadamente seguiremos recibindo durante bastante tempo comunicacións non desexadas, pero agora teremos ferramentas para poder impedilo.

-Os usuarios acumulan estes días innumerables peticións para dar consentimento, pero se ata agora ninguén lía a letra pequena, non se corre o risco de seguir dicindo si a todo?

-É o que chamamos a maior mentira de Internet, o «lin atentamente e acepto as condicións de uso». Neste momento estamos a recibir un spam masivo de correos electrónicos de todo tipo de empresas e suxeitos que nin sequera sabiamos que tiñan os nosos datos. Hai un pánico contra reloxo. Isto tíñase que ter abordado moito antes, pois tivemos dous anos para adaptarnos. O feito de que se estea facendo agora de golpe podería xerar o efecto contrario, non digo xa o feito de aceptalo todo, senón de ignoralo todo e perder aquelas comunicacións que si son importantes.

-As empresas galegas chegan preparadas ao día 25?

-Desgraciadamente estamos lonxe dun escenario ideal. O que me temo é que moitas entidades se acordasen de cumprir a normativa o día 25, pero o importante é o día 26 e o 27... Isto ha de ser un cumprimento continuo, non algo puntual. Trátase basicamente dun cambio de mentalidade.

-Que podería ocorrer cunha empresa que non afronte os cambios do regulamento?

-Grazas ao spam masivo e ás campañas dos poderes públicos, o cidadán está moito máis sensibilizado co tema da protección de datos e vaise a ver inclinado a defender máis os seus dereitos e a denunciar. Nese caso, o risco é superior para unha empresa que considere o regulamento un mero trámite e non lle dea a importancia que ten.

-En que medida o consentimento do usuario é libre cando ceder os datos é ás veces un requisito obrigatorio para usar un servizo?

-Iso hai que matizalo, porque xa non vale o aceptalo toda mediante unha casa xeral. Agora deben separarse os distintos consentimentos. Por exemplo, se quero usar un servizo que non require que eu reciba publicidade debería haber unha casa para aceptar as condicións de uso e outra casa, separada e previamente desmarcada, para aceptar expresamente o envío de comunicacións comerciais. E non me poderían obrigar a marcar ambas. Isto non é aplicable a todos os servizos. Algúns poderían vincular ambas as cousas, sobre todo servizos que non pagamos, como redes sociais, buscadores ou correo electrónico gratuíto, nos que a empresa ten dereito a pedir unha contraprestación.

-E se deixamos de dar os nosos datos, eses servizos deixarán de ser gratuítos?

-Probablemente. Se cadra asistimos a un antes e un despois nos modelos de negocio en Internet do «todo gratis». Temos unha chea de servizos moi avanzados na Rede a cambio dos cales non pagamos un euro, aínda que non somos conscientes de que estamos a pagar con outra moeda quizais máis cara, como é a nosa privacidade. Unha vez que a xente empece a rexeitar eses modelos de negocio, poden xurdir outros nos que paguemos unha pequena cantidade a cambio de que non se faga unha explotación masiva dos nosos datos.

«O cidadán está moi sensibilizado coa protección de datos e defenderá máis os seus dereitos»