Patrocinado por:

A «app» de citas gais Grindr compartiu os datos do VIH dos seus usuarios

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ, EFE

LECER\

Icono de la app Grindr
Icona da app Grindr

A empresa di que se fixo con todas as garantías para optimizar a aplicación

04 abr 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

A aplicación Grindr, que se usa como ferramenta para lograr citas entre a comunidade LGTB, compartiu con outras dúas asinas información sobre o estado de VIH de moitos dos seus usuarios. Así o revelaron o pasado luns as publicacións BuzzFeed News e Techcrunch, indicando os responsables de Grindr que non se trataba dunha «venda de información a terceiros», senón que esa transmisión ás firmas Apptimize e Localytics fíxose con todas as garantías para optimizar a app.

A polémica arrincou cando a organización sen fins de lucro norueguesa SINTEF identificou este fluxo de información. Grindr, fundada en 2009 e que conta con máis de 3,6 millóns de usuarios activos diariamente en todo o mundo, facilitoulles a esas compañas parte da información, como o estado de VIH e a data da última proba. Outros datos, entre eles a localización GPS, identidade do teléfono móbil, xénero, idade, tribo (subcultura gai), interese do usuario (amizade ou relación), correo electrónico, ás veces transmitíronse a través de «texto sen formato» ou sen encriptar, o que os fai vulnerables a piratas informáticos, segundo as versións.

«O estado de VIH está vinculado a toda a outra información», explicou Antoine Pultier, investigador de SINTEF, a BuzzFeed News. Cooper Quintin, do equipo de investigación en seguridade da organización Electronic Frontier Foundation, asegurou que esa «é unha práctica que pode pór ao usuario en risco».

Para James Krellenstein, integrante do grupo defensor de persoas con sida ACT UP New York, este feito supón unha «violación extremadamente flagrante dos estándares básicos» que agardarían dunha compaña que se promociona como defensora da comunidade gai. O escándalo está servido.