Patrocinado por Patrocinadopor

Os pescadores deportivos rexeitan a norma que os obriga ter un seguro

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

PORTOS

Martina Miser

Os afeccionados escenifican a súa protesta nos principais portos galegos

19 sep 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

A pesca deportiva está a deixar de ser unha práctica relaxante desde que o pasado 26 de xullo Portos de Galicia resolveu impor aos afeccionados a contratación dunha póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que asuma os danos propios en instalacións portuarias, cunha cobertura mínima de 300.000 euros, e a terceiros, cun mínimo de 450.000 euros.

Para manifestar o seu rexeitamento a esta imposición, pescadores deportivos de toda Galicia convocaron concentracións en Arousa, Burela, Malpica, Muros, Ribeira, Cabo de Cruz-Escarabote, Ferrol, Sanxenxo e Aldán nas que participaron decenas de afectados pola normativa.

O punto neurálxico das mobilizacións dos pescadores recreativos na Costa da Morte volveu ser o peirao de Malpica , como xa sucedeu na concentración de mediados do mes de abril, aínda que onte foron uns 150 os afeccionados os que secundaron a protesta, fronte aos máis de 300 contabilizados en mediados de abril, ou os máis de 200 que acudiron ás mobilizacións no peirao de Laxe a finais de novembro do pasado ano.

Os manifestantes volveron reclamar a Portos de Galicia unha maior flexibilización no uso dos espazos portuarios, sobre todo no caso de Malpica, principal porto de referencia da Costa da Morte no que ao uso de canas refírese. Tamén solicitaron unha demora á hora de dar de alta o seguro de responsabilidade civil esixido pola Xunta de Galicia para poder acceder aos recintos portuarios, sobre todo para as persoas maiores de 75 anos, que no caso da Costa da Morte representan unha porcentaxe elevada de pescadores recreativos. Tamén piden un maior consenso á Administración porque entenden que ademais de lecer, a pesca recreativa supón un plus para a actividade económica local, como a hostalería ou os negocios relacionados co submarinismo e pesca recreativa, algúns dos cales xa tiveron que botar o peche e outros se verán abocados a baixar a persiana se persisten, segundo eles, as actuais restricións de uso das instalacións.

En Cambados, a alcaldesa, Fátima Abal, que exerce tamén as competencias municipais en material de Mar, apoiou a mobilización, no marco da proposición de lei que o grupo parlamentario socialista presentou na Cámara autonómica. Nela, o PSOE instou a Xunta a revisar a regulación da pesca recreativa nos portos autonómicos. As dársenas de Muros e Cabo de Cruz, en Boiro, tamén foron escenario onte tarde de concentracións de afeccionados á pesca recreativa convocados por Acouga (Asociación Galega de Consumidores e Usuarios), o avogado Xoán Antón Pérez-Lema, advertiu da «eventual nulidade» do requisito, «ao ser adoptado por un órgano manifestamente incompetente e sen seguir o procedemento legalmente establecido». Na súa opinión «a resolución non consta estudo ningún dos riscos da actividade que xustifiquen a inclusión do seguro».