Patrocinado por Patrocinadopor

Nace Nautic, o programa de «software» galego para a xestión de portos e clubs náuticos

Marcos Gago Otero
Marcos Gago SANXENXO / LA VOZ

PORTOS

MARCOS GAGO

A asociación Asnauga impulsa un proxecto para mellorar a interacción entre os socios e o día a día das radas

24 feb 2021 . Actualizado ás 19:52 h.

Nautic é o nome dun software desenvolvido pola empresa galega Hacce e que ordenará no futuro a xestión dos portos deportivos e clubs náuticos da asociación Asnauga, na que están incluídos boa parte desta clase de entidades marítimas en Galicia. Empezou a desenvolverse hai anos cando a directiva da organización empezou a solicitar información e suxestións achegadas polos propios clubs náuticos, mariños e persoas vinculadas co sector. O presidente de Asnauga, Javier Ruiz de Cortázar, explicou que este proxecto dá independencia loxística aos clubs socios porque os software de xestión ata o momento son carísimos e téñense que comprar fóra. Cando Nautic estea plenamente en servizo, emendarase ese problema, coa vantaxe de ser gratuíto para os socios da entidade galega. «Empezamos no ano 2012 con reunións cos nosos mariñeiros, directivos e socios e acudían técnicos da empresa e fixemos un esquema do software para que se fose desenvolvendo aos poucos». A idea é que se empezo a implantar nalgúns náuticos como Portonovo, Ribeira, Ares ou Cangas ao longo deste ano a modo de proba e perfeccionamento do sistema e que se sumen os demais paulatinamente. 

Na súa presentación do proxecto, Hacce definiu Nautic como un software de xestión que cumpre a función de «cubrir as necesidades administrativas de control do porto e a xestión administrativa  e comercial dos seus socios e clientes». Ruiz de Cortázar precisou que con este sistema cada club náutico incluído poderá ter unha radiografía actualizada ao momento da situación real da súa rada, cunha visión integral do porto a través de mapas interactivos. Así se pode controlar o tráfico de embarcacións e as prazas ocupadas e dispoñibles en tempo real. Tamén facilita a xestión e o traballo propio da administración de cada rada e dálle aos clubs un instrumento común de xestión. «Unha das vantaxes é, por exemplo, eliminar o papel, que se poida facer o check-in de barcos, poder entregar automaticamente a documentación de cada embarcación que chega a porto e a que hai que enviar a aduanas», indicou o presidente de Asnauga. 

«Este programa fai a xestión dun club náutico como tal e tamén a xestión dun porto», engadiu Ruiz de Cortázar. Nautic funciona a modo de Administración electrónica, facilitará o pagamento de cobros e pagamentos, aranceis, acceso a documentación necesaria e outros datos.

Na súa vertente máis práctica para os socios, dálles acceso tamén a toda a información que necesitan na súa relación co náutico ao que pertencen e o porto deportivo ao que se dirixan ou estean atracados. «A idea é que se unha persoa é socio do náutico que sexa, a través dun código, teña acceso a ese programa cun código a través da web de Asnauga», apuntou Ruiz de Cortázar.

Así pode consultar os seus consumos de auga ou de electricidade e a documentación que ten o club sobre a súa embarcación, pedir documentación ou unha certificación que facilite os tránsitos. «Na páxina web de Asnauga temos a reserva de amarres e a nosa idea é enlazar ese programa co Nautic. Na páxina de Asnauga actualmente hai un apartado que pon reserva. Se se ten o Nautic, vai dicir que prazas están libres e de que dimensións son cada unha», apuntou Ruiz de Cortázar. Neste sentido, aínda se está analizando se é viable que mesmo se poida elixir a praza concreta ou non, algo que dependerá das circunstancias loxísticas de cada rada.