Patrocinado por Patrocinadopor

Un puñado de «valeiros» manteñen viva a tradición no río Ulla

Rosa Estévez
R. Estévez PONTECESURES / LA VOZ

SOMOS MAR

MÓNICA IRAGO

Este ano, de momento, só cinco embarcacións iniciaron a tempada da lamprea

30 ene 2023 . Actualizado ás 08:18 h.

O Ulla baixa estes días revolto, con moito caudal e moita forza. Non son estas as mellores condicións para a pesca da lamprea, unha actividade á que se dedican, ademais de quen traballan as pesqueiras de Padrón, un grupo de embarcacións asociadas ás confrarías de Carril e Rianxo. Boa parte deses barcos son tripulados por xente de Pontecesures , unha localidade na que a figura dos «valeiros» é tan tradicional que ata dá nome a unha praza e aparece representada nos belenes do Nadal. A lamprea, de feito, ten o seu propio centro de interpretación nas inmediacións da zona portuaria cesurá, unha demostración do enraizada que está a súa pesca na vida desta pequena localidade, situada preto da desembocadura do segundo río máis longo de Galicia.

Este ano, de momento, só cinco embarcacións (catro cesurás, unha de Rianxo) iniciaron a tempada da lamprea. «Algunha vaise collendo», comentaba estes días o presidente da asociación de profesionais que se dedican á captura deste particular produto, Antonio Pesados.

Con nasa buraco

Agarda que os resultados das xornadas de traballo no río vaian mellorando nas próximas semanas, cando se agarda que novas embarcacións se sumarán ao traballo coa nasa buraco. Será necesario que o número de lampreas que entran nestes dispositivos alongados aumente para que o Concello de Pontecesures poida organizar a festa que exalta este produto. Desde a pandemia, o certame está entre dúas augas, co goberno local intentando darlle un xiro e convertela nun evento á altura, di o alcalde, dun produto de gran calidade que non pode ser degustado «como se fora churrasco». Haberá que ver se o conseguen e se celébrase, finalmente, unha festa cun sabor tan particular como o produto que exalta.