Patrocinado por Patrocinadopor

O Roncudo estréase cunha magra colleita de 200 quilos de percebe

C. V. G. CARBALLO / LA VOZ

SOMOS MAR

Ana García

O «mar de inverno», bo para os percebes pero malo para os percebeiros, complicou facerse cos 6 quilos de tope que permitiu a Xunta

30 jun 2022 . Actualizado ás 04:47 h.

Uns douscentos quilos foi a colleita de onte no Roncudo, no primeiro día de faena nesta exclusiva zona da costa cormelana de cara á Festa do Percebe de Corme, que o sábado cumprirá o seu 30 aniversario. A confraría abriu o cabo durante tres xornadas e na primeira a marea non axudou o absoluto. O patrón maior asegurou que aínda había «mar de inverno», que é moi bo para a calidade dos crustáceos, e moi malo á hora de traballar. Para hoxe e mañá agárdase mellor tempo, algo que necesitan os mariscadores porque deben reunir uns 1.000 quilos para a celebración gastronómica.

Os percebeiros xa baixaron ás rocas hora e media antes da baixamar, pero ese adianto non serviu de moito porque custou sacar a cota.

O problema que teñen na confraría, que é a organizadora da festa, é que o percebe está a ir bastante caro. O martes pola noite iniciouse a compra de crustáceos e xa o fixo a máis de 40 euros o quilo, o que fai supor que os do Roncudo pasarán dos 80 euros de media, unha boa noticia para os percebeiros e mala para poder ofrecer racións a uns 20 euros de media, co fin de que moita xente poida probar os excelentes percebes de Corme. O ano pasado en agosto xa se chegaron a pagar a 115 euros.

O Roncudo leva pechado desde hai meses e aínda que en decembro e xaneiro o mar non foi moi adecuado para obter os mellores crustáceos, a partir de marzo a ondada xa asegurou que haberá moi boa calidade de cara á celebración. A idea é que o sábado se repartan unhas 2.000 racións de percebe.

As máis de cincuenta de persoas que teñen autorización para mariscar na costa cormelana habitualmente só poden recoller 5 quilos diarios, pero estes tres días a Xunta permitiu que sexan seis.

En prezo terán que competir cos de Langosteira , das confrarías de Caión e A Coruña, e cos da zona da Torre herculinas, posto que todos eles se venden no Muro, a lonxa coruñesa.