Patrocinado por Patrocinadopor

Rouban unha embarcación no peirao das Goritas

r.e. CAMBADOS / LA VOZ

SOMOS MAR

MONICA IRAGO

Apareceu horas despois, na desembocadura do río Umia: faltáballe o motor

21 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Os usuarios do peirao das Goritas, en Cambados , resístense a acostumarse á precaria situación na que, din, están estas instalacións. E a súa resistencia aumenta cando, aos problemas habituais neste recinto, súmanse outros novos, como o ocorrido a pasada fin de semana. Na noite do sábado ao domingo, relatan, a iso da unha da madrugada, persoas sen identificar accederon ao peirao, posiblemente desde o mar, e roubaron unha lancha de pesca recreativa que alí se atopaba. A embarcación apareceu horas despois, na desembocadura do río Umia: faltáballe o motor.

«Roubar unha peza así non é algo sinxelo, leva o seu tempo e o seu traballo», comentan desde a asociación de usuarios do porto, desde onde indican que, por desgraza, este roubo non é o primeiro nin será o último dos que se producen no peirao. «Os roubos son algo cotiá, o que pasa é que normalmente son cousas máis pequenas», indican. En todo caso, a desaparición do motor da embarcación en cuestión colmou a paciencia dos usuarios do porto, que onte denunciaron que «hai unha cámara instalada, pero non debe de funcionar. Porque o que está claro é que a súa función de disuadir á xente para que non roube non a fai».

Ademais de pedir a Portos de Galicia que mellore a seguridade nas instalacións das Goritas, os usuarios deste porto cambadés teñen unha longa lista de peticións e esixencias. Por exemplo, consideran que tras anos sufrindo os problemas da porta de acceso ao peirao, «que se atascan e nunca sabes se vas poder entrar ou saír», súmase a falta de calado. «O servizo é absolutamente precario, e nós estamos a pagar por el, eh?», din os afectados. «Non hai nin luz, nin auga, nin calado», conclúen desde o colectivo de afectados por esta situación no porto cambadés.