Patrocinado por Patrocinadopor

Os mariscadores presencian outro diálogo de xordos entre o Estado e a Xunta pola dragaxe

Toni Silva A Coruña / LA VOZ

SOMOS MAR

Marcos Míguez

Ninguén asume as compensacións aos traballadores

20 oct 2021 . Actualizado ás 19:54 h.

Os mariscadores da ría do Burgo presenciaron este martes a outro partido de tenis entre a Consellería do Mar e os representantes do Estado. Ambos se pasaban constantemente a pelota sobre quen debía asumir as indemnizacións das 80 familias de mariscadores afectadas coa inminente dragaxe (o director da Demarcación de Costas, Rafael Eimil, avanzou que o próximo mes se asignará a obra de forma definitiva).

A reunión, realizada na sede dos mariscadores, durou algo máis de hora e media. «Pero resulta que o 90 % foi para botarse a culpa os uns aos outros», sinalou Manuel Baldomir, membro da xunta xeral da Confraría. «A subdelegada do Goberno e o director de Costas dicían que é a Xunta a que ten as competencias de marisqueo, polo que lle corresponde ao Goberno autonómico, a e conselleira repetía que era unha obra medioambiental a cargo do ministerio, e que o parón do noso traballo e consecuencia da obra», relatou un Baldomir frustrado por ver que as dúas Administracións seguen sen entenderse. «Máis que resolver os problemas parecía que o que máis lles interesaba era deixar en mal lugar á outra parte», recalca o mariscador, especialmente sorprendido pola reacción dos portavoces «estando nós diante».

Segundo o seu propio testemuño, desde a parte do Goberno central reiteráronlles a fórmula que xa lles chegou por carta desde o Ministerio de Medio Ambiente. «Dixeron que se nós pensabamos que debía ser o Estado o que nos pagase as axudas, que tiñamos que denunciar e que resolvera o xulgado -indica Manuel Baldomir-; pero imos ver, non están para entenderse? O artigo 41 da Carta Europea di que as Administracións teñen que chegar a acordos, e segundo o que estamos vendo, nada de nada». No transcurso da reunión, Rosa Quintana volveu aludir ao remanente da obra (licitouse por 48 millóns e realizarase por 32) para facerse cargo das axudas aos mariscadores, pero a outra parte indicou que os 16 millóns sobrantes irán camiño de Facenda.

Especialistas xurídicos

Así as cousas, e vendo a distancia sideral que exhibiron ante os mariscadores, estes pediron á Xunta e ao Goberno que aparquen os interlocutores políticos e que recuperen ás partes xurídicas para intentar chegar a un acordo e que o asunto estea resolto antes de que empecen as obras. «Levamos moito tempo sen mariscar a causa do covid, agora voltaremos en novembro e para a campaña do Nadal, pero din que xa logo empezarán as obras e isto segue sen resolverse tras máis dun ano».