Patrocinado por Patrocinadopor

Gardacostas sanciona a barcos que andan ao boliche por incumprir o tamaño dos aparellos

Rosa Estévez
rosa estévez CAMBADOS / LA VOZ

SOMOS MAR

MARTINA MISER

A confraría de Cambados reclama que se actualice o decreto de artes

16 oct 2021 . Actualizado ás 04:50 h.

Desde hai dúas semanas, o Servizo de Gardacostas de Galicia está a pór especial énfase na vixilancia dos barcos que usan a arte do boliche. Segundo explican desde a Xunta, realizáronse «distintos controis na costa galega, incluída a ría de Arousa, para controlar as dimensións dos boliches empregados pola frota tras detectarse determinados incumprimentos e previa advertencia ao sector da necesidade de cumprir a normativa en materia de artes e aparellos para garantir que se realiza unha explotación sustentable do recurso». Froito desas inspeccións, sinalan desde a Consellería do Mar, impuxéronse «media ducia de sancións», tres delas a barcos con base en Cambados, e incautáronse «os aparellos correspondentes, pois incumprirían os requisitos establecidos no decreto de artes e aparellos da comunidade autónoma». Esta campaña, que a Xunta enmarca nos controis rutineiros, aínda que recoñece que «estes se poden intensificar froito das denuncias recibidas por parte do propio sector ou de calquera particular, así como no caso de que se detecte un maior incumprimento en determinadas zonas», está levantando algunhas bochas en portos como o de Cambados , onde onte pola tarde se celebrou unha reunión para abordar esta campaña de Gardacostas.

O patrón maior cambadés, Ruperto Costa, explicou antes da mesma que chegou a hora de impulsar unha modificación do decreto de artes, para actualizar a norma e adaptala ás evolucións que ha ir sufrindo o aparello en cuestión. Trátase, explica, dunha arte que «a base de traballo» vai variando as súas características; «sempre dá de si», sinala. «Hai que modificar as dimensións no decreto de artes. Ese é un traballo que está feito por parte da Federación Provincial de Confrarías, pero hai que darlle para adiante para adaptar a norma á realidade», apunta Ruperto Costa.

En Galicia hai ao redor de 69 embarcacións que traballan ao boliche, algo máis dunha ducia delas en Cambados. Con esa arte captúrase, sobre todo, a lura.