Patrocinado por Patrocinadopor

Sensibilizar e limpar para gañarlle a batalla ao plástico

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

SOMOS MAR

Mónica Irago

Mar e Medio Ambiente poñen en marcha unha campaña para que os bañistas retiren residuos da praia

31 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Bye, bye, plástico. Con esta elocuente mensaxe, a Xunta invita á poboación a reciclar e reutilizar os residuos mediante unha serie de accións que se desenvolverán en praias de toda Galicia durante o mes de agosto. A campaña, que arrincou onte en Vilanova, consiste na instalación de puntos informativos nos que se reparten dous tipos de bolsas: unha para gardar os envases que cada un xera e os que poida atoparse tirados na area, e outra reutilizable que serve, por exemplo, para facer a compra.

O obxectivo é sensibilizar á poboación da necesidade de coidar o medio ambiente, incluso xogando. A campaña desprega un simulador de surf para que os rapaces aprendan a voar sobre as ondas seguindo a sorte que lle depare unha ruleta que onte xa empezou a rodar en Vilanova. Seguindo o exemplo de Elena e outros nenos que, ás catro e media estaban no Terrón, as conselleiras do Mar e Medio Ambiente, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez, respectivamente, subiron á táboa e planearon durante uns segundos. Despois tiveron oportunidade de departir con mariscadoras que, ademais de vixiar as praias, colaboran na retirada de plásticos que arrastra a marea.

Todas as mans son poucas á hora de manter o mar limpo, porque, a pesar de que as cifras son esperanzadoras -cada galego reciclou o ano pasado unha media 14,6 quilos de plásticos e papel, dous quilos máis que o ano anterior- aínda seguen sendo demasiados os residuos que chegan ao mar. A campaña Bye bye plástico deixarase ver por toda a costa galega, a través das redes sociais e conta cunha especie de mascota en forma de botella que se encargará de lanzar mensaxes a través de vídeos e outros soportes para que insistir nunha lección que segue pendente: urxe gañarlle a batalla ao plástico, tamén no mar.