Patrocinado por

A apertura da Torre e O Roncudo enchen o Muro de percebe de extraordinaria calidade

E. A., T. L REDACCIÓN

SOMOS MAR

Israel Martínez

O quilo das mellores pezas alcanzou os 120 euros e os últimos lotes vendéronse a 70 euros

22 jul 2021 . Actualizado ás 04:45 h.

A Israel Martínez, subastador da casa Paco Moinelo, estrañáballe onte que non houbese disparos de flash nin focos de cámaras de televisión capturando o espectáculo de percebe que tiña despregado aos seus pés na sala de poxas da lonxa do Muro, na Coruña. Quilos e quilos de crustáceo de extraordinaria calidade, cor, grosor e tamaño, consecuencia, dicía, dunha coincidencia que facía polo menos un par de anos que non se producía: a apertura das áreas de extracción da Torre (de Hércules) e a das mellores pedras de O Roncudo (Corme), cuxo froito se adoita poxar no parqué herculino. Ambas as zonas están consideradas como das mellores de Galicia pola calidade do produto, ao tratarse áreas expostas ao mar e moi batidas pola ondada que propician un bo crecemento do crustáceo.

É esa unha sincronía que non se producía desde facía polo menos dous anos. Ese é o tempo que levaba pechada a área da Torre. Como O Roncudo, adoita reservarse para tempadas de gran demanda, como Nadal ou verán. Pero se nas pedras de Ponteceso conseguiron traballar algúns días, na Torre os percebeiros non o fixeron o ano pasado, pola pandemia, nin o anterior pero porque o mar o puxo máis que difícil, imposible, para faenar. Os compradores si souberon aplaudir o espectáculo que tiñan diante. Fixérono con euros. Ofrecendo ata 120 euros polo quilo dos mellores percebes que se puxeron a poxa. Setenta pagaron polos últimos lotes. «Non son os que alcanzan en Nadal, pero si prezos moi bos, dos mellores do ano», explicaba o subastador coruñés.

Martínez calculaba que, do mellor, do máis extraordinario, poxáronse uns 200 quilos. No Roncudo, os 30 percebeiros que traballaron conseguiron reunir a cota de 6 quilos.

¿O destino? Como algún gordo de Nadal: «Moi repartido». Comprárono para levar a Madrid e Barcelona, si, pero moitos quilos fóronse para os bos restaurantes da zona e, incluso, houbo partidas importantes que se adquiriron para vender na praza de Lugo, a escasos metros da lonxa do Muro, e a Carballo.