Patrocinado por Patrocinadopor

Salmón e peixe sapo, de moda entre os frescos; o marisco, en conxelado e saca músculo o listo para comer

e. abuín BAIONA / LA VOZ

SOMOS MAR

XOSE CASTRO

A venda por Internet afiánzase nun sector, o de produtos de mar, cuxas vendas crecen, ata maio, un 2,8% en 12 meses

15 jul 2021 . Actualizado ás 04:47 h.

Os produtos do mar teñen a súa propia pasarela. A cita que cada ano (sen pandemia mediante) convoca AECOC en Baiona é a peixes e mariscos o que Cibeles ao deseño de moda. Alí, no Parador da localidade, exhíbense as tendencias de presente e futuro do sector. Unhas referencias que están a ter un bo momento, segundo explicou onte, na apertura do congreso, o director de negocio da consultora IRI en España, Antonio Khalaf. Tanto, que en doce meses -ata maio pasado- a súa venda crecera un 2,8 %, cunha facturación de 4.207 millóns. Ese incremento é superior ao que creceu nese período o conxunto da alimentación, que quedou nun 0,4 %. A maioría dos produtos do mar que se consumiron adquiríronse frescos (40,7 %), aínda que reduciron un 0,6 % a súa cota de mercado. Por contra, conxelados e refrigerados gañan terreo, acaparando, respectivamente, o 33,8 e o 25,5 %, gañando a última 0,8 puntos.

O auxe do refrigerado continúa este ano. Viuse favorecido coa relaxación das medidas restritivas. Se en pleno estado de alarma, con limitacións de mobilidade e ucis cheas, foi o conxelado o que se impuxo, por esa necesidade de reducir o número de visitas ao supermercado, coas aperturas e a vacinación, gañaron espazo nas neveiras os produtos refrigerados. E se son listos (ou case listos) para comer, mellor. Apuntábao onte Khalaf na súa presentación, ao sinalar que esta categoría ten as de gañar porque se impón a conveniencia mesmo dentro do fogar. Son os máis novos os principais adeptos e, de feito, están a forzar á distribución a habilitar espazos.

En canto a produtos, apréciase o auxe do salmón e do peixe sapo como os máis buscados na categoría de frescos. As compras do primeiro subiron un 15,8 %, pero o peixe sapo non lle vai á zaga e a súa provisión creceu un 15,4 % no que vai de ano. No apartado de conxelados, a man do consumidor vai cada vez máis aos mariscos, cuxo crecemento nestes meses foi do 3,3 %.

Pero, sin duda, a tendencia máis sorprendente foi o «incremento inesperado» da canle online para aprovisionarse de produtos en xeral e do mar en particular. De novo a venda por Internet destas referencias crece por amais de todas as demais: unha 47,2 % fronte ao 45 % do conxunto do sector. 

Promoción do peixe

O Congreso AECOC de Produtos do Mar, que acada a súa 21 edición, foi inaugurado polo presidente da asociación do gran consumo, Ignacio González, conselleiro delegado de Nova Pescanova, e a conselleira de Mar, Rosa Quintana. Esta, ademais de debullar todo o esforzo económico do seu departamento para axudar ao sector na súa recuperación tras a pandemia, anunciou tres acciones coas que a Xunta tratará de impulsar o consumo de peixe facendo fincapé no seu valor culinario, pero tamén na súa achega á saúde, a sustentabilidade e o seu escaso impacto no cambio climático. Unha delas é unha campaña de comunicación que se achegará ao consumidor de forma fresca e nova. Completarase cun foro, en setembro, sobre os beneficios do peixe na saúde. E seguirá en novembro cunha xornada para pór en valor a baixa pegada destes produtos.

Iso si, hai que darse présa para que esas mensaxes calen, pois como augurou o catedrático Carlos Buxadé, doutor enxeñeiro agrónomo e gurú do sector alimentario, o peixe a base de plantas e o peixe artificial están ao virar a esquina. E daranse de bruzos cun consumidor que toma decisións racionais, senón emocionais.