Patrocinado por Patrocinadopor

Os paraísos que esconden as rías de Pontevedra e Arousa a bordo dun veleiro

Nieves D. Amil
neves d. amil PONTEVEDRA / LA VOZ

SOMOS MAR

A travesía Naútica-Xacobea impulsa o Camiño de Santiago en barco. Facemos a etapa entre Sanxenxo e Vilanova, que bordea a illa de Ons, A Rúa ou A Illa

20 jun 2021 . Actualizado ás 19:42 h.

O día non acompaña. Despois de acadar temperaturas de 30 graos, a xornada amence nubrada e cun chispeo en terra que mar dentro se complicará. É a penúltima etapa dunha peregrinaxe a Santiago que levará a un grupo de europeos desde Portonovo ata Vilanova, onde farán unha pequena escala antes de continuar ata Ribeira, na cara norte da ría de Arousa. Porque a Santiago se pode chegar por mar e por terra. A Asociación de clubs náuticos de Galicia (Asnuaga) axudou a impulsar a travesía Náutica Xacobea, un formato alternativo do Camiño de Santiago por mar. Para iso hai que facer a bordo 90 millas e un mínimo de cinco quilómetros a pé. Con iso basta para que o Cabildo conceda a compostela. Pero esta travesía en barco é, ademais, unha ruta turística que esconde recunchos que desde terra quedan ocultos.

Son preto das doce da mañá cando o veleiro de 12 metros de eslora arrinca desde o peirao de Portonovo e en apenas uns minutos queda atrás a capital turística das Rías Baixas. O ceo se nubla e a paisaxe difumínase ao saír da ría. Antes de que a néboa oculte a costa, os areais de Canelas, Montalvo e Paxariñas perfilan unha liña de mar, area e montaña que merece a pena gozar. Cara a popa, só mar e nubes. A oito nós e con vento a favor, o veleiro deixa atrás a ría de Pontevedra e comeza a debuxar a illa de Ons.

Ao abrigo do Parque dás Illas Atlánticas, os peregrinos europeos que fan esta travesía inaugural levántanse para fotografar a praia de Melide . Un matrimonio alemán, que deu a volta ao mundo en veleiro e agora están facendo este Camiño, recoñecen que é unha das imaxes máis espectaculares que se atoparon. Antes de deixala atrás, o patrón do barco avisa de que o mar empeora e deixar atrás a ría de Pontevedra para penetrarse na de Arousa será complicado coa meteoroloxía adversa. Tiña razón. Nuns minutos a néboa oculta a costa e o mar ponse máis serio, polo menos a ollos de principiantes. Detrás queda o que é, segundo os navegantes, un dos puntos máis espectaculares da travesía, o vértice entre a ría de Pontevedra e a de Arousa.

ramon leiro

Pasado esta zona de néboa, xa se empeza a ver O Grove de lonxe e no medio da ría, asómanse a illa da Rúa e a de Areoso. A primeira é unha formación rochosa cun faro xemelgo ao de Ons, mentres a segunda ten unha das praias máis espectaculares da zona e é un punto turístico máis das Rías Baixas.

A Illa de Arousa

Bordear a Illa de Arousa convértese na última sorpresa para o equipo de europeos que navegan nesta embarcación de Sailway, unha empresa que ofrece facer esta travesía Náutica Xacobea por un prezo que rolda os 600 euros. Inclúe os amarres nos portos deportivos, os permisos para fondear en Ons e Cíes, o aloxamento a bordo e o servizo de almorzo e comida no barco en cinco etapas, aínda que hai opcións de facelo en máis ou menos días. As bateas e os barcos mexilloeiros cóanse nesta paisaxe marítima que despois de horas de néboa e mal tempo empeza a tranquilizarse e despexa a costa para poder ver o porto do Xufre e un pouco máis tarde, a ponte que che leva ata A Illa de Arousa.

Esta é a última etapa da travesía Náutica Xacobea polo Sur. A primeira foi desde Baiona a Vigo, a seguinte desde aí a Rodeira (Cangas) con final en Portonovo, e esta que vai desde Sanxenxo ata Ribeira pasando por Vilanova de Arousa. O último tramo acaba en Portosín e collerase o coche ata Bertamiráns, desde onde se partirá camiñando preto de 12 quilómetros ata a Catedral de Santiago. Cumpriuse o obxectivo. A credencial está selada despois dunha peregrinaxe sobre ondas que descubriu os segredos da costa de Pontevedra e Arousa a bordo dun veleiro de doce metros.