Patrocinado por Patrocinadopor

Os sindicatos lanzan outro SOS por Ferrolterra: convocan unha nova mobilización o día 27

Beatriz García Couce
Beatriz Couce FERROL

SOMOS MAR

JOSE PARDO

Reclaman ás administracións actuacións concretas para paliar a situación das tres comarcas

18 jun 2021 . Actualizado ás 14:30 h.

Os sindicatos UGT, CIG e CC.OO. convocan para o domingo 27 de xuño unha nova mobilización comarcal, co fin de reivindicar solucións para os distintos problemas que lastran a Ferrolterra, Eume e Ortegal. As centrais fan un chamamento á cidadanía para participar nunha protesta que se articulará ao redor de dúas marchas: ambas sairán ás 11.30 horas, unha desde San Valentín, no acceso de entrada da antiga Astano, e a outra, desde o Montón , na antiga gasolineira. Ambas confluirán na ponte das Pías, nunha ocupación simbólica e reivindicativa.

As centrais lembran que as tres comarcas «estamos a sufrir unha situación sin parangón noutras zonas do Estado», cunha sangría poboacional, a maior media de idade e a menor taxa de natalidade. A caída continuada do emprego e a falta de oportunidades son dúas das causas que argumentan as centrais para pór en marcha novas mobilizacións.

Os tres sindicatos subliñan que nas tres comarcas o paro incrementouse «durante o 2020 nun 19 %, catro puntos por riba da media galega, sobre todo na industria, cifra que medrou un 40 % nos menores de 30 anos e onde o 78 % son parados de longa duración».

Por iso, a taxa de pobreza crece por amais da media da comunidade e tamén se incrementa o número de familias con dependencia das axudas sociais.

«O naval sen carga de traballo, o inminente peche de Endesa, Noa, Gamesa, a riada de ERTE y ERE, etc, que estamos a padecer e que se aveciñan, están a agravar unha situación que, de non poñerlle freo, vai camiño de converterse en irreversible», denuncian os interlocutores sociais.

Críticas á administración

Despois de realizar outras mobilizacións con idénticos obxectivos —a última o pasado 10 de marzo—, CC.OO., UGT e CIG reprochan a actitude das distintas administracións, ás que acusan de botarse as culpas da situación únalas ás outras no canto de pór solucións amais da mesa. «Non foron capaces de concretarnos un só proxecto para as nosas comarcas, todo futuribles, a longo prazo e dependentes de decisións alleas. Ése é o resumo de todas as xuntanzas que tivemos», advirten nun comunicado conxunto. As centrais realizan un chamamento á cidadanía para que se some á mobilización, para obrigar aos distintos gobernos «a que entendan que existimos, que temos dereito a un futuro».