Patrocinado por Patrocinadopor

As ameixas, o marisqueo e os seus déficits

Uxío Labarta PROFESOR DE INVESTIGACIÓN AD HONOREM DO CSIC

SOMOS MAR

CESAR QUIAN

30 may 2021 . Actualizado ás 04:49 h.

O incremento das producións e da capacidade de comercialización de países próximos incide nas rendibilidades do sector marisqueiro, incluídas as redes comerciais, por non falar da incidencia que nesta rendibilidade teñen tamén as grandes superficies ou a gran distribución.

O mantemento dos esquemas tradicionais de explotación marisqueira xera tranquilidade social e falta de conflitos, aínda que non é previsible que o mercado permita manter os ingresos como achega sustantivo nas economías familiares sen un incremento na produción marisqueira. Como as propias confrarías e os comercializadores sinalan: cegadores incrementos aparentes en prezo por escaseza de produto non palían as perdas pola caída da produción; por máis que a redución nos permisos de explotación marisqueira, desde os 4.300 do ano 2009 aos 3.800 de agora, teñan permitido tamén aparentes melloras na rendibilidade individual

Se nos detemos a analizar a produción e os mercados, Galicia, e xa que logo España, ten un déficit significativo na produción de ameixas. No 2019, España importou unhas 17.000 toneladas de ameixas frescas, principalmente de Italia (37 %), Portugal (32 %), Francia (14 %) e Países Baixos (11 %). A iso hai que sumar as importacións dunha gran variedade de ameixas conxeladas, que suman outras 4.000 toneladas, das cales Chile (33 %) e Corea (14 %) son os principais provedores extracomunitarios, tal e como se recolle no anuario A economía galega 2019/2020 do IDEGA da Universidade de Santiago de Compostela. Importacións de ameixas que desde o 2013 ao 2019 incrementáronse en 6.000 toneladas, un 60 %, o que indica a ampliación da demanda.

As exportacións, aínda que pasaron de 400 a 2.000 toneladas nese período, apenas supoñen o 12% das importacións. Os principais destinos foron Italia (58 %), Francia (25 %) e Holanda (18 %).

Este gran desfasamento entre as 21.000 toneladas de ameixa importada e as case 6.700 producidas no 2019 en Galicia mostra a baixa capacidade do marisqueo para atender a demanda do mercado nacional, polo que é necesario buscar alternativas para mellorar esta situación. Por máis que o gran aumento da produción de ameixas entre o 2014 (3.700 toneladas) e o 2019 (6.750 toneladas) débase principalmente á ameixa xaponesa, cuxa produción se triplicou, acadando unhas 5 mil toneladas no 2019 que representan o 71,5 % da produción total deste bivalvo en Galicia. A produción de babosa e ameixa fina aumentou nun 14 % e un 33 % no 2019 con respecto ao 2018.

Pola contra, a ameixa loura sufriu unha caída do 33 % e un incremento de prezo «cegador». Por iso faise preciso entender que o marisqueo galego non é só produción, senón tamén comercialización. E é desde unha interacción empresarial destes dous subsectores desde onde previsiblemente se poida abordar a transformación do marisqueo. Por iso é importante que nos últimos anos as políticas e as análises de Agade (Asociación Galega de Depuradores) e dalgunhas confrarías coincidan. E coincidan sobre todo nalgúns aspectos sustantivos tal e como analizaba en La Voz de Galicia Fernando Otero, secretario xeral da Confederación Mar Industria Alimentaria, ante os déficits de produto nos bivalvos de area. Déficits que precisan de estratexias ambientais, biolóxicas, tecnolóxicas, comerciais e económicas das que fomos deficitarios. Por deixamento propio e un exceso de análise e de proxectos pouco rigorosos.