Patrocinado por Patrocinadopor

O BNG critica que a reserva do «brexit» dea máis fondos a países con menos flota que Galicia

La Voz REDACCIÓN

SOMOS MAR

P. S.

17 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Non pode ser que Galicia saia perdendo unha vez máis e que reciban máis fondos países con menos frota pesqueira». A portavoz do BNG na UE, Ana Miranda, critica o «reparto inequitativo» da reserva de axuste do brexit, que xa mereceu severos reproches por parte do Tribunal de Contas da UE e que fixo saltar polo aire a unidade dos países pesqueiros na Comisión de Pesca da Eurocámara.

Nesa repartición, a España adxudícanselle 2,2 millóns de euros, fronte aos 156,5 de Dinamarca. «Para paliar a descompensación entre vos distintos Estados é fundamental que se teñan en conta as especificidades do sector. Non é o mesmo a situación de Galicia, nación costeira indiscutible, que outros territorios menos dependentes da pesca», defendeu a nacionalista. O BNG presentou diversas emendas na Eurocámara, a través do grupo dos Verdes/ALE, para cambiar os criterios de repartición e para que estes sexan de xestión directa nos territorios afectados. Tamén para que se estenda o fondo ao 2026 e que cheguen a todos os sectores da cadea.