Patrocinado por Patrocinadopor

O polbo galego fresco desaparecerá nove semanas

s. s. REDACCIÓN / LA VOZ

SOMOS MAR

Marcos Creo

Mar toma a decisión tras un debate, por momentos acalorado, entre as tres federacións

30 abr 2021 . Actualizado ás 09:09 h.

Nove semanas, cinco máis que no 2020 e unha máis que as oito habituais en anos anteriores, durará a veda biolóxica do polbo en Galicia. O Octopus vulgaris fresco genuinamente galego, ese de sabor inigualable porque se alimenta de crustáceos, desaparecerá das lonxas do 30 de abril ao 5 de xullo. É o tempo que lle conceden para reproducirse e criar, un intento de contribuír á súa recuperación tras un 2020 que foi o peor do século en vendas, só un millón de quilos, o 42 % da media anual.

Mediante votación resolvéronse as discrepancias entre as federacións de confrarías durante a Comisión do Polbo celebrada este mércores e dirixida pola Consellería do Mar. Ao encontro acudiron cunha posición maioritaria os depósitos da provincia da Coruña, que propuñan unha veda biolóxica de tres meses. Parte dos de Pontevedra decantábanse por que durase entre mes e medio e dous meses e outra parte apoiaba os tres meses. Tamén o tiñan claro os A Mariña de Lugo, que expuñan mes e medio.

Desde Mar non entran en detalles sobre os debates, acalorados por momentos, nesa reunión presencial. Confirmando o apuntado polos pescadores, que detectaron nos caladoiros grandes desovas cos que non contaban, as informacións que manexa a consellería «apuntan a unha melloría biolóxica da especie, o que anima a pensar que a próxima pode ser unha boa campaña». Se é así, comezará a percibirse na segunda semana de xullo, cando volverá aos mercados un cefalópodo prohibido para pescadores profesionais e recreativos a partir do 1 de maio.

Sen máis novidades relevantes que a ampliación do paro, o plan de xestión do polbo foi «consensuado co sector e ten en conta a situación do recurso como os intereses do sector, co obxectivo de buscar o equilibrio entre a sustentabilidade biolóxica e a rendibilidade económica», indican desde Mar.

«Decepción e enfado» transmite Basilio Otero, presidente da federación lucense de confrarías. Os naseiros da Mariña, minoritarios na Comisión do Polbo, protestan ao non terse en conta que a maioría deles xa levan un mes permitindo a recuperación do polbo porque se centraron na xarda. Agora que acaba esa pesqueira estacional, co octópodo vedado, «quedamos sen a alternativa dos recursos específicos que si teñen na Coruña e Pontevedra», engade. Polo que expuxeron os seus representantes, as nove semanas aproxímanse ás aspiracións da maioría de coruñeses e pontevedreses.