Patrocinado por Patrocinadopor

Proban con éxito unha vacina para controlar a fertilidade dos xabarís

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SUSTENTABILIDADE

Andreu Dalmau

O estudo realizouse en concellos da contorna de Barcelona con 219 exemplares capturados

29 novs 2021 . Actualizado ás 20:32 h.

Investigadores da Universidade Autónoma de Barcelona (UAB), co apoio da Deputación de Barcelona, levaron a cabo con éxito unha proba piloto para controlar a fertilidade dos xabarís en zonas urbanas e periurbanas mediante unha vacina que inhibe a reprodución do animal. O proxecto, que se realizou durante catro anos nos municipios barceloneses de Terrassa, Matadepera, Vacarisses e Sant Cugat do Vallès, demostrou a efectividade da vacina, especialmente nos exemplares de femias novas, nos que a inhibición reprodutiva podería ser permanente.

Pese ao incremento do número de exemplares abatidos ano tras ano, o sistema de caza non permitiu reducir a magnitude e número de conflitos xerados polos xabarís, polo que a deputación barcelonesa e a universidade impulsaron esta proba piloto para atopar métodos alternativos que puidesen complementar ou substituír a caza en certas circunstancias.

No marco do estudo, o primeiro deste tipo que se fai cos animais en liberdade, capturáronse un total de 219 exemplares, dos cales 192 recibiron a vacina inmunocontraceptiva. A vacina, chamada Gonacon, crea anticorpos fronte á hormona liberadora de gonadotropinas (GnRH) —hormonas que favorecen a función reprodutora nos mamíferos—, provocando unha redución da libido do animal e evitando a ovulación das femias.

Ao longo do proxecto realizáronse 154 recapturas, que permitiron facer o seguimento de 56 animais vacinados (34 femias e 22 machos), máis 18 animais control, que non recibiron a vacina, e 30 individuos exclusivamente para estudos sanitarios.

«A inmunocontracepción foi efectiva en todas as femias tratadas que puideron ser recapturadas. Os animais que xa son adultos parecen requirir unha revacunación anual ou bianual para continuar sendo efectiva», indicou este luns Manel López, investigador do Departamento de Sanidade e Anatomía Animal da UAB e director do proxecto.