Patrocinado por Patrocinadopor

As granxas avícolas, máis preto de poder matar e vender aos seus animais

Maruxa Alfonso Laya
maruxa alfonso REDACCIÓN

GANDERÍA

ALBERTO LÓPEZ

Avimós presentou un código de boas prácticas que autorizará esta medida

29 novs 2021 . Actualizado ás 09:53 h.

En Galicia existen, actualmente, un total de 214 explotacións avícolas artesanais que coidan de 76.150 aves. O problema é que, ata agora, ningunha delas podía matar e comercializar directamente aos animais que criaba, senón que este proceso debía levar a cabo nun matadoiro. Isto provocaba que, por exemplo, non puidesen abastecer a restaurantes ou a particulares que querían adquirir pequenas cantidades dos produtos que comercializaban. A situación está a piques de cambiar. Tras as modificacións na normativa aprobadas polo Ministerio de Agricultura en decembro do pasado ano, quedaba por desenvolver un código de boas prácticas, que explicase aos titulares das explotacións como levar a cabo esta tarefa. O documento xa foi redactado por Avimós , a asociación que se dedica á cría de galiñas de Mos, e presentado á Consellería de Sanidade para que dea a súa visto e prace.

Poder matar os seus animais directamente nas súas explotacións era unha das grandes reivindicacións das granxas avícolas artesanais que existen en Galicia. «Esto é unha noticia importante, é algo que levamos agardando décadas», asegura Diego Rois, director técnico de Avimós . Explica que, «agora mesmo, se un restaurante che pide dous galos para mañá, o máis probable é que a granxa non poda venderllos, porque non ten forma de matar a eses animais». O mesmo sucede cos pedidos de particulares, pois estas explotacións só podían matar as súas aves se era para autoconsumo, nunca para comercializar. Outro problema que se atopaban «era que os grandes matadoiros no lles deixaban estar alí, porque no lles interesaba». Así que boa parte destes gandeiros tiña que xuntar a varios animais e buscar un matadoiro que llos quixese sacrificar, facendo fronte aos gastos de desprazamento e sacrificio que iso supuña.

Aínda que en boa parte das explotacións artesanais de Europa pódense sacrificar e vender directamente os animais, e de feito existe unha lexislación europea que así o autoriza, en España esta práctica non quedou autorizada ata decembro do pasado ano. Foi entón cando o ministerio decidiu adoptar a normativa europea e autorizar a que as granxas puidesen sacrificar directamente aos seus animais para realizar venda directa. «En Europa estaba permitido dende hai moito tempo, pero en España non», engade Rois. Quedaba entón por redactar unha guía de boas prácticas, que explicase aos produtores os requisitos que deben cumprir para contar cun pequeno matadoiro nas súas explotacións. Un traballo que xa realizaron os responsables de Avimós, que están agora á espera de que Sanidade dea o visto e prace ao seu documento. «Creemos que a primeira guía que vai haber en España vai ser a nosa», engade Rois, quen considera que a práctica de sacrificar aos pitos e galiñas nas propias explotacións estará autorizada nun breve espazo de tempo.

Esta iniciativa está pensada para explotacións artesanais, formadas por un máximo de 400 aves de cebo e cen galiñas de posta. Unha vez que a guía estea rematada, as granxas só terán que cumprir cos requisitos que alí se esixen e poderán sacrificar e comercializar directamente aos animais que crían. Do mesmo xeito que sucede cos centros de envasado de ovos, necesarios para que as granxas poida vender estes produtos en restaurantes e tendas, tratarase de que as instalacións que teñan que habilitar os gandeiros sexan de baixo custo, para que boa parte das explotacións poidan asumilos sen maiores problemas. Entón, todas aquelas explotacións que queiran comercializar directamente os seus produtos só terán que estar dadas de alta no Rexistro de Explotacións Avícolas Artesanais da Xunta e cumprir a guía de boas prácticas. A partir de entón, poderán comercializar os seus animais con todas as garantías. «Levamos moitos anos pelexando con este tema e confiamos en que, cando se poña en marcha, permita despegar á produción destas granxas», asegura Rois. E é que entón disporán dunha forma sinxela de dar saída aos animais que nelas crían.