Patrocinado por

As granxas galegas ampliarán a superficie con dereito a cobro da PAC

María Cedrón REDACCIÓN

GANDERÍA

J.J. Guillén

O acordo, cualificado de «histórico» por Medio Rural, é produto da negociación do plan estratéxico nacional para a nova política agraria

18 jul 2021 . Actualizado ás 23:37 h.

A partida para a confección do plan estratéxico nacional para a política agraria común (PAC) comezou, e as comunidades moveron ficha ante o Ministerio de Agricultura. Da primeira man, xogada onte en Madrid durante a Conferencia Sectorial de Agricultura, o Goberno galego saíu satisfeito «pola boa sintonía» que, como apuntou ao terminar o encontro o conselleiro de Medio Rural, José González, respirouse durante unha reunión na que se avalou un documento sobre o que continuar traballando para adecuar «as características dos diferentes sectores a un modelo común». E diso deu tamén fe o ministro de Agricultura, Luis Planas: «Foi unha conferencia sectorial satisfactoria e positiva, froito do bo traballo de todos, na que houbo un debate rico e diverso e comprobamos a vontade de camiñar xuntos».

Aínda que quedan moitas frontes abertas, sobre todo no terreo dos ecoesquemas (prácticas respectuosas co medio ambiente polas cales se primará aos gandeiros e agricultores que as leven a cabo de forma voluntaria), no que respecta a Galicia durante a reunión logrouse chegar a un acordo sobre unha «demanda histórica» para as explotacións galegas como é o dereito ao cobro por toda a súa superficie cultivada e que, aínda que a declaraban, non era admitida á hora de optar a axudas directas da PAC. Dita superficie, nunha primeira estimación, roldaría as 75.000 hectáreas, aínda que poderían ser máis. Actualmente as granxas galegas cobran dereitos por unhas 330.000.

O compromiso alcanzado onte, como avanzou o conselleiro, é regularizar ese déficit de superficie «e pola vía da reserva nacional poder cobrar esos dereitos a partir do 2023. Porque igual que se abriu o cobro a froitas e hortalizas no Levante español, confirmouse que se ía regularizar esa superficie».

Pecharíase así unha ferida aberta no 2015, cando entrou en vigor a decisión do Ministerio de Agricultura, entón pilotado por Miguel Arias Cañete, de que na repartición por hectáreas cultivadas de axudas directas computasen as declaradas no 2013 e non as do 2014. Desde entón os dereitos de pagamento directos dos agricultores van en función dese baremo do 2013.

A regularización á que se comprometeu onte o ministerio axudaría tamén a diminuír o impacto que tería a partir do 2029 a previsible entrada en vigor da taxa plana anunciada por Bruxelas, segundo a cal todas as hectáreas cobrarían o mesmo, independentemente da rexión agronómica na que se atopasen. Actualmente os fondos que reciben os agricultores pola súa superficies cultivadas varían en función de onde se atopen. De feito, un das premisas das que parte a proposta do ministerio é reducir a un máximo de vinte as máis de cincuenta rexións agronómicas nas que se divide actualmente o territorio español.

Axudas asociadas

Pero ese non foi o único acordo satisfactorio para Galicia alcanzado na reunión de onte. Porque Agricultura, que á fin e ao cabo é quen deberá elaborar un plan estratéxico que, en última estancia, ha de aprobar Bruxelas, tamén se comprometeu a incrementar en 28 millóns de euros para todo o Estado a partida destinada ás axudas asociadas para o vacún de leite, que alcanzarían entón os 122 millóns de euros. Iso, como comentou o conselleiro, tamén beneficiaría aos gandeiros galegos. Sobre todo porque a comunidade concentra a metade das vacas de leite de toda España.

E máis aló destes acordos puntuais, José González destacou o compromiso adquirido coas comunidades de toda a Cornixa Cantábrica, para «adecuar as propostas ao modelo e peculiaridades deses territorios», como pedían.

O que está claro, xa que logo, é que a primeira man xogada onte en Madrid non ha ir tan mal, pero o xogo non está pechado. Agora un dos asuntos que máis preocupa ao sector, como manifestaron organizacións como Unións Agrarias, é que pasará cos ecoesquemas, aínda por definir. A súa gran preocupación é que os custos que poida supor para as granxas pór en práctica esas accións respectuosas co medio ambiente non sexan maiores que o que van recibir por realizalas. Porque o que se sabe, como recolle a proposta do ministerio e como adiantou Planas, é que os ecoesquemas levarán un 23 % dos fondos do primeiro alicerce (axudas directas) e un 2 % dos destinados a desenvolvemento rural.