Patrocinado por Patrocinadopor

«O campo da feira é coma se fose o xardín da nosa vila»

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

GANDERÍA

SUSO PENA

Os donos do espazo máis singular de Parga realizaron novos coidados

23 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O campo da feira de Parga é unha paraxe coñecida, pero á vez esconde algúns segredos. Un deles, probablemente ignorado por moitos que o visitan, é que se trata dun terreo privado, pertencente a unha asociación de propietarios que hai algo máis de 90 anos viron recoñecida a súa posesión tras un litixio. Cambiaron os tempos en non poucos aspectos -por exemplo, o Concello de Trasparga foi substituído polo de Guitiriz, con sede na vila termal-, pero o celo dos donos polo coidado do terreo parece pasar de xeración en xeración.

«O campo da feira é coma se fose o xardín da nosa vila, a verdade é que si», recoñeceu onte o presidente da xunta directiva da asociación, Xesús Barreiro. As palabras teñen un reflexo legal, xa que, explica, o campo da feira aparece como zona verde en fichas catastrais. Con todo, o interese vai máis aló dos aspectos documentais, como se demostra nos coidados periódicos que o colectivo realiza no campo da feira e que paga con fondos propios.

As tarefas máis recentes incluíron podas e clareos nas árbores da carballeira, así como a plantación de dous castiñeiros. Cada un colocouse nunha zona distinta do campo da feira, detallou Barreiro, que ademais aclarou que non era a primeira vez que se plantaban esas árbores. A finais do 2019, tamén se limpou a carballeira recollendo as follas caídas.

O custo desas operacións pode variar duns anos a outros, posto que depende dos días que invista a empresa contratada. Os carballos, mentres tanto, parecen ter boa saúde en xeral.

Dúas feiras ao mes que supoñen a fonte de ingresos

Parga debe boa parte da súa fama e do seu peso histórico ás súas feiras. Aínda se celebran dous ao mes: a primeira, o domingo comprendido entre o 9 e o 15; a segunda, o último domingo. Os ingresos da asociación de propietarios, integrada por 92 socios, proceden do que pagan os vendedores: estes abonan unha cantidade proporcional aos metros que ocupan cada vez que se instalan na localidade nun día de feira.