Patrocinado por Patrocinadopor

Reducir a pegada de carbono un 15 % en dez anos, un compromiso do sector vacún

Somos Agro REDACCIÓN

GANDERÍA

ROI FERNÁNDEZ

Provacuno lembra as medidas postas en marcha para frear o cambio climático como o Life Beef Carbon, onde participan produtores de catro países europeos.

28 novs 2019 . Actualizado ás 12:00 h.

O sector do vacún busca lavar a imaxe que moitos consumidores teñen del despois de que hai uns meses a ONU recomendase rebaixar o consumo de carne para loitar contra o cambio climático. Agora, coincidindo co Cume do Clima que se celebra a partir da semana que vén en Madrid, Provacuno reitera o compromiso do sector coa mitigacion dese fenómeno. Non cabe dúbida de que unha boa proba diso son proxectos de investigación e innovación nos que están inmersos como o Life Beef Carbon, que ten por obxectivo reducir a pegada de carbono do vacún de carne un 15 % nos próximos 10 anos de forma colectiva e compartida en catro países europeos produtores de vacún de carne: España, Francia, Italia e Irlanda. Todo iso, como engaden fontes desa organización, no marco dunha estratexia máis ampla, orientada a reducir as nosas emisións.

Ademais, lembran que o sector gandeiro en España, segundo os datos que manexa o Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO) no seu avance do 2018, é o responsable do 8 %  do total dos gases de efecto invernadoiro emitidos, mentres que o sector vacún produtor de carne achega apenas o 3,5 % do total. A lista encabézaa o transporte, que produce o 27 % das emisións, seguido da xeración de enerxía eléctrica, cun 17 %; a industria, co 19 %; as residencias, comercios e institucións, co 9 %; a maquinaria, o 4%; os residuos, o 4,1%; e a combustión nas refinerías, o 3,5%. Xa que logo, os gases que emitimos no noso país están producidos principalmente por transporte, enerxía e industria.

Tamén fan referencia ao papel que xogan os pastos á hora de reter carbono. Explican que «as vacas abastecedoras, manexadas en réxime extensivo durante toda a súa vida, e os tenreiros, durante os seus primeiros meses, aliméntanse en base a pastos». Neste sentido, engaden que tanto a UE como a FAO ou boa parte dos organismos científicos están de acordo en que o uso racional dos pastos por parte do gando «provoca un secuestro do carbono no chan e cando os animais deixan de utilizar os pastos provócase o efecto contrario, a liberación do carbono acumulado». De feito, cada vez son máis as ganderías que non dubidan en pasar da produción intensiva á extensiva. «Non hai que ter medo ao cambio», dicía non fai moito un produtor galego que deu o salto. 

Ademais, desde Provacuno lembran como a gandería prevén a desertificación, mellora a calidade da auga, a biodiversidade e tamén a paisaxe. Por  non falar, din, do importante papel que xoga na prevención de incendios forestais.