Patrocinado por Patrocinadopor

Cerco a «os agricultores de sofá»

Somos Agro REDACCIÓN

GANDERÍA

miguel souto

O Consello de Ministros aproba a normativa que regulará as axudas da PAC 2020. Entre outras cousas, actualiza a figura do agricultor en activo e favorece que os mozos que se incoporan ao campo poidan recibir subvencións

04 novs 2019 . Actualizado ás 13:57 h.

Un maior control dos agricultores en activo e favorecer que os mozos dean o salto ao campo. Esas son dúas das cuestións que reforza o real decreto que regulará as axudas da PAC 2020 e que foi aprobado a semana pasada polo Consello de Ministros. Entre as novidades que recolle a norma, que introduce varias melloras na xestión de axudas, está a actualización do control da figura do agricultor en activo, unha das grandes demandas das organizacións agrarias que durante anos levan pedindo un maior control sobre os que alcuman «agricultores de sofá», aqueles que non teñen a actividade agrogandeira como principal, pero continúan tendo acceso a axudas. O que pretende agora o executivo, como recolle un comunicado remitido polo Ministerio de Agricultura, é reforzar os controis sobre os titulares de dereitos que teñen como actividade principal outra moi diferente á agraria, polo que están incluídos na denominada lista negativa de solicitantes.

Por iso é polo que, como engade a nota, «en coherencia coas modificacións que introduce o regulamento Omnibus redúcense a un os criterios para acreditar que unha persoa ou grupo son agricultores activos, dando fe de que a súa actividade agrícola non é marxinal». 

A norma tamén quere favorecer a incoporación dos mozos ao campo porque, ata agora, non tiñan acceso nalgúns casos ás axudas durante os primeiros aoñs de actividade. Neste sentido, comenta o Ministerio, para fomentar que non abandonen o campo, hai unha nova referencia a tomar como data da súa primeira instalación nunha explotación, dotando de mayro flexibilidade o acceso ás axudas. O que fai a norma é flexibilizar as condicións para acreditar o cumprimento por parte dos novos agricultores do baremo de primeira instalación como responsable da explotación agraria no ámbito da axuda complementaria aos novos agricultores e, de aí, o acceso á reserva nacional por parte dos mozos e novos agricultores. 

As axudas asociadas de dereitos especiais tamén teñen cambios. O que introduce o decreto aprobado a semana pasada polo Executivo é un axuste de coherencia coas disposicións xerais sobre pagamentos directos. Por iso é polo que os gandeiros potencialmente subvencionables que non pidan estas axudas durante dous anos consecutivos perderán o dereito a recibilas. Este cambio é definitivo a menos que haxa un feito de forza maior que favoreza o contrario. Non obstante estes gandeiros poderán optar a outro tipo de axudas asociadas. 

Ao mesmo tempo, foméntase o control das parcelas susceptibles mediante a monotorización con novas tecnoloxías como o uso de satélites.

Tamén establece un novo prazo de modificación da solicitude única para unificar as datas de cumprimento dos baremos para os expedientes controlados por monotorización.