Patrocinado por Patrocinadopor

«A muller rural non é protagonista; os méritos lévaos o home»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

GANDERÍA

PALACIOS

Alumnos dun ciclo de Gandería aseguran que as desigualdades entre sexos seguen presentes

14 oct 2019 . Actualizado ás 10:10 h.

O campo cambiou e modernizouse nas últimas décadas, pero algunhas conquistas parcen aínda tan pendentes aí como noutros ámbitos. «No rural a muller está presente, pero non ten protagonismo; os méritos lévaos o home». Quen se expresa así é María Estella, alumna do segundo curso do ciclo superior de Gandería do Centro de Promoción Rural Fonteboa, de Coristanco.

Forma parte dun grupo -19 persoas en total, con máis alumnas que alumnos- que leva a cabo a iniciativa Mozas do Rural con Proxecto e cuxo método de traballo inclúe, en diversos lugares de Galicia, encontros con mulleres, non só vinculadas co medio rural. Onte, na instalacións de (Palas Arqueixal ), participaron nunha xornada con alumnos do instituto palense e con mulleres emprendedoras.

Nerea Aneiros, tamén alumna do citado ciclo, subliña que se nunha explotación do medio rural traballan un home e unha muller, esta adoita asumir ademais as tarefas domésticas, co que o seu labor se multiplica. A superación desa mentalidade, di, implica modificacións profundas: «Que cambie o pensamento da sociedade», afirma.

A súa compañeira Alba Abeleira cre que esa mentalidade non é só cuestión de idades, e recalca que hai xente nova que neste asunto ten a mesma mentalidade que persoas con moitos máis anos. Uxía Seoane lanza unha mensaxe similar: «Hai xente da nosa idade que pensa que por ser muller estás por debaixo do home», di. Na súa opinión, aquí non abonda cun cambio normativo: «É máis cuestión de ética ca de leis», opina.

Mario Neto, alumno que tamén participa no proxecto, sostén que se un mozo crece nun ambiente no que a muller ten que realizar habitualmente determinados traballos, especialmente domésticos, hai unha alta probabilidade de que reproduza ese esquema cando sexa adulto e via en parella.

 Aínda que eses puntos de vista poden indicar unha visión algo pesimista da situación da muller no medio rural, este grupo de alumnas e de alumnos coñeceu ambientes onde o papel da muller parécelles moito menor: o curso pasado pasaron varias semanas en Irlanda, participando nun programa que incluía traballo en explotacións, e afirman que a presenza da muller é inferior.

Con esta experiencia, recoñece María Estella, abríronselles os ollos e agardan axudar a abrir os doutra xente. «É cousa de todos que non haxa esta desigualdade», subliña Mario Neto.

Valor con xénero masculino e vocación de vivir no campo

Este grupo constatou que o recoñecemento dos méritos no campo pode depender de varios factores, pero sen esquecer un: parece que se non se é home, o que se fai ten menos valor. De todos os xeitos, os ensinos que reciben e o ambiente que coñecen exercen unha atracción máis poderosa que a comprobación das desigualdades entre homes e mulleres.

Uxía Seoane e María Estella son de e A Coruña elixiron este ciclo ao non entrar en Veterinaria. As dúas están contentas, e a segunda, cuxa familia nin sequera procede do medio rural, recalca a súa satisfacción: «É un mundo que descoñecía, pero gústame moito», di. Nerea Aneiros é de Moeche e de familia gandeira, e proxecta continuar coa actividade: «Se non estudase este ciclo, non pensaría así hoxe», declara.

Desexo de que o centro «ande canda o mundo»

Constante Lorenzo, profesor do centro que onte acompañou aos alumnos, explica que proxectos como este perseguen que a escola se implique co medio rural con todas as consecuencias e «ande canda o mundo». A experiencia está incluída no programa Iniciativa Xove e será presentada á Dirección Xeral de Xuventude. No centro, agrega, xa hai precedentes de proxectos deste tipo, protagonizados polo alumnado.