Patrocinado por Patrocinadopor

«Os gandeiros temos que perder o medo a mudar o xeito de producir»

M. Cedrón REDACCIÓN

GANDERÍA

Ganaderia Josmar

José Manuel Santín, de Gandería Josmar, en Baralla, deixou atrás a produción intensiva ao apostar polo benestar animal e a sustentabilidade converténdose nunha granxa ecolóxica na que as vacas están fóra día e noite. O seu maior insumo é o sol e os restos orgánicos que deixan  os animais sobre o terreo fan que o chan reteña CO2.

15 ago 2019 . Actualizado ás 12:44 h.

Hai uns días a ONU emitiu un informe no que alerta de que o 37 % dos gases de efecto invernadoiro proceden da agricultura e, concretamente, fala de que o leite de vaca xera uns 49 quilos cada ano. Mentres este estudo pon no ollo do furacán determinadas prácticas ou modos de produción de alimentos, hai quen en Galicia están a dar pasos para cambiar as cousas. Son gandeiros como José Manuel Santín que está agora inmerso, da man do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega), nun proceso de cambio para converter a súa Gandería Josmar, no municipio lucense de Baralla, nunha explotación de leite ecolóxico. O seu obxectivo, ademais de lograr un produto de maior calidade, é o benestar animal e a redución desa pegada de carbono da que a ONU acusa, en parte, á gandería.

Alí, nas praderías de Pacios, pastan libres uns cen animais (uns 60 son vacas de ordeño). O seu segredo para lograr eses obxectivos é deixar actuar ao ciclo da vida. Porque como explica José Manuel «as vacas están día e noite fóra, só entran na granxa para muxilas. Ao contrario do que fan moitas granxas, aquí só se moxen unha vez ao día, pola mañá. Ao vivir libres, a materia orgánica que deixan no chan o que fai é reter CO2. O que facemos é aproveitar os procesos naturais. O meu maior insumo é o sol».

Pero por que este gandeiro cunha explotación punteira nos ránkings de produción decidiu un día cambiar o modo de traballar?. «Foron varias as razóns. Por unha banda, a crise de prezos que viviu o sector no 2015. Por outra, as dúbidas que me xeraba o xeito que tiñamos de producir. Por iso busquei unha alternativa e, ao ver que producir leite dun xeito máis natural funciona, perdes o medo que temos os gandeiros a mudar o xeito de traballar», explica.

Ese temor que tamén tivo el é, ao seu xuízo, un dos hándicaps que frean o cambio de modelo en moitas granxas da comunidade. «Hai gandeiros que xa teñen as vacas en extensivo aos que lles sería máis doado do que me foi a min producir orgánico, porque as miñas estaban na corte, pero ese medo anda aí e é complicado superalo», comenta. Logo está o grave problema da falta de acceso ao terreo que teñen moitos produtores.

Demanda de leite ecolóxico

O feito de contar cunha certificación do Craega fai que as lácteas paguen máis, ademais de ter garantida a recollida. Os números falan. Como reflicten os datos do consello regulador, Galicia certifica o 65 % do leite de produción orgánica que se consome en todo o Estado. A ese horizonte é ao que miran tamén as grandes compañas lácteas que recollen cada vez máis produto orgánico. Por non falar de empresas de distribución que teñen leite ecolóxico de marca branca. Pero a todo iso hai que engadir outro factor fundamental que lembra José Manuel para rematar a conversación: «Unha das cousas mais importantes que notei no cambio a ecolóxico foi a mellora na calidade de vida. Antes era gandeiro case en exclusiva, agora teño tempo».

máis noticias relacionadas