A falta de chuvia retrasa e limita os cogomelos nos montes da comarca do Deza

FORESTAL

Identificación de especies na Casa Achacán nunha xornada micolóxica celebrada en Rodeiro.
Identificación de especies na Casa Achacán nunha xornada micolóxica celebrada en Rodeiro. Alejandro Mínguez

O abandono do rural, con masas forestais impenetrables, tampouco axuda

04 nov 2026 . Actualizado á 09:45 h.

Os veráns nos últimos anos son máis secos e, ademais, son máis longos. Chove moito menos e empeza a facelo máis tarde, o que provoca que no outono os cogomelos cheguen máis tarde e tamén en menor cantidade nos montes de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Parece que hai menos cogomelos, ou que se ven con máis dificultade que antes. Esta é unha sensación moi extendida entre os afeccionados ao mundo dos fungos.

Antes, chegado o mes de setembro, comezaba a chover e, de xeito case inmediato, aparecían os froitos dos fungos. Agora tarda máis, incluso chegado novembro sufrimos calores que non lle fan ben fan aos cogomelos. Eles queren moita humidade e unha temperatura suave, nin moito frío nin moita calor, por iso os cogomelos silvestres saen de forma visible en maior cantidade nas estacións de temperaturas medias: outono e primavera.

A tempada dos últimos outonos sofre, polo tanto, un atraso e, malia que o ciclo vital dos cogomelos chegado setembro advirte que queren saír, precisan chuvia. Algúns saen, aínda que de menor tamaño, presentan un aspecto decolorado, deformado ou agretado e ademais apodrecen axiña polas altas temperaturas ou son atacados de forma inmediata por vermes. Estes cogomelos de aspecto alterado poden incluso provocar dúbidas na identificación e causar algún accidente non desexado. As mudanzas no clima provocan a aparición de especies de cogomelos que eran típicas doutras latitudes e a desaparición doutras.

Pistas desaparecidas

O abandono do rural, non axuda. Hai masa forestal impenetrable. Hai unha superficie continua de árbores e case non se ven claros en moitos vales das comarcas. Non son poucos os casos nos que xa desapareceron incluso as pistas das distintas concentración parcelaria, que en teoría e por lei terían que ter limpas as Administracións. Non entramos na necesidade de que os propietarios privados limpen as súas parcelas, entre outras cuestións para evitar posibles incendios. Tarefa imposible.

Pode que haxa menos cogomelos, pero pode que ao mellor non os vexamos, ou pode que a diminución da vida económica no agro supoña a desaparición de especies. Todo é posible. Outra consecuencia deste abandono do rural é a proliferación de animais salvaxes, sobre todo xabarís. Aínda que non son grandes comedores de cogomelos para facelos desaparecer, si é certo que a práctica de buscar raíces para consumir e levantar a capa máis superficial de terra provoca que se hai nesa zona micelio pode danarse ou secarse, impedindo a aparición de cogomelos. Outro problema.

Máis recolectores

Unha terceira causa desta suposta desaparición de cogomelos do monte galego pode ser a existencia de cada vez máis recolectores. Unha actividade que, de non facerse de xeito adecuado, pode acabar con esta riqueza natural. Hai que lembrar a existencia dunha normativa galega para a recollida que debemos cumplir. Recoller con sentidiño como máximo dous quilos por persoa e día, ese é a cantidade máxima para autoconsumo. Máis xente para os mesmos ou menos cogomelos e, por riba, con técnicas de recollida agresivas, ameazan o futuro.

Os incendios tampouco axudan nada á riqueza fúnxica nos montes. En zonas queimadas aparecen algunhas especies de cogomelos de xeito puntual, pero precisamos moitos anos, dependendo da temperatura acadada no incendio e das especies arbóreas queimadas, para recuperar o hábitat previo á queima. Moitos inimigos.