Patrocinado por Patrocinadopor

Saen a poxa 52 lotes de madeira en Ourense por un valor de 1,38 millóns de euros

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

FORESTAL

Martina Miser

Están formados por 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e silvestre, e por cantidades menores doutras especies, todos eles provenientes de comunidades de montes con convenios de xestión con Medio Rural

24 oct 2021 . Actualizado ás 11:37 h.

A Consellería do Medio Rural volve convocar unha nova poxa de madeira, nesta ocasión, na provincia de Ourense. Segundo publica o Diario Oficial de Galicia, quérense adxudicar 52 lotes por un importe total de 1,38 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica que se celebrará o 8 de decembro na xefatura territorial da consellería en Ourense. A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais con convenios ou consorcios coa Administración autonómica. 

Entre todos os lotes, suman máis de 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, ademais doutras cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese, segundo a consellería, nunha absorción de carbono de 39.000 toneladas, que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores e que agora serán substituídas por novos pés que seguirán absorbendo este gas de efecto invernadoiro. 

Madeira certificada

Desde a consellería tamén destacan que 24 dos 52 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC13 deles ten dobre certificación, ao incluír tamén a FSC. Son os dous sistemas de certificación máis implantados a nivel mundial e que garanten que a madeira provén de bosques sostibles. As empresas que opten a estes lotes certificados deberán dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira.

Do mesmo xeito que sucedeu xa en casos anteriores, os licitadores realizarán todos os trámites de forma telemática, desde a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Ao mesmo tempo, as empresas participantes na poxa, e todo aquel que queira, poderán seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto. Este procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida pola consellería e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico. A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na sede electrónica da Xunta. Toda a información sobre este proceso pode consultarse aquí