Os produtores recupéranse da caída do 2024 e acadan unha produción de 20 toneladas por hectárea. O froito é de calidade: «Os niveis de azucre son moi bos»
06 dic 2025 . Actualizado á 01:37 h.Os kiwicultores de Ou Baixo Miño levan un mes dando o callo para recoller unha plantación que felizmente lles permitirá recuperarse do mal grolo do 2024, ano no que o frío e a choiva lastraron os brotes do froito. Xa son poucas as parcelas que lles quedan por colleitar aos produtores desta comarca a beiras do río Miño e convertida nunha auténtica despensa de kiwis para toda España. Á espera de estatísticas oficiais, albiscan bos resultados, pero son prudentes. «Foi ben. O raro foi o que ocorreu o ano pasado», explica Martín Fernández, enxeñeiro agrónomo de Kiwi Atlántico.
A fertilidade de cada hectárea en Tomiño, Tui e Oia sitúase entre 20 e 25 toneladas nesta campaña. A previsión apunta a que a recolección se achegue a 6 millóns de quilos neste ano «de normalidade». Nas leiras dos produtores de Kiwi Atlántico cultívase preto da metade. Os traballos comezaron o pasado 3 de novembro e concluirán moi pronto. En toda a comarca, Tomiño ten un peso importante neste labor e, de feito, mantén o liderado como o concello máis produtor por hectárea de toda España. «As precipitacións dificultaron nalgúns momentos a actividade, pero estamos acostumados», precisa o enxeñeiro.
En canto á calidade do produto, da trepadora Actinidia recuperaron froitos «en niveis de azucre moi bos» no momento da recollida e que presenta un estado de materia seca «mellor que nos últimos anos». Menos asombroso resultou o tamaño, «menor que no último exercicio», pero sen trastornar o bo sabor, como analiza Martín Fernández.
Agora, toca organizar o almacenamento e a loxística de semellante cantidade de froitas. Desde o sur de Galicia, partirán a grandes distribuidoras e lineais de supermercados, que dinamizan o groso das vendas de Kiwi Atlántico. Na súa extensa traxectoria, España mantense como principal consumidor das bagas que produce esta organización. O custo foi de entre 1,20 e 1,25 euros por quilo. As estimacións apuntan a que a campaña de vendas concluirá entre maio e xuño, cando arrinca a de Nova Zelandia.
Aínda que non sempre é doado, os produtores desta compaña fundada no 1988 e con sede en Ribadumia confían en seguir discorrendo pola senda do crecemento ao longo desta década e por iso teñen varios proxectos en marcha. Un deles está relacionado coa procura de novos terreos sobre os que estender as plantacións. Agora, teñen os ollos postos no lugar de Acevedo, no municipio de Ribadeo, onde xa se fixeron con hectáreas «que entrarán en produción nos próximos anos», explica Martín Fernández.
En paralelo, a compaña avanza en proxectos enfocados no I+D. Un deles desenvólvese nas instalacións centrais, onde se propuxeron acadar o residuo cero. Para iso puxeron a funcionar unha planta de planta de recuperación, transformación e valorización de descartes alimentarios. É unha solución proveitosa para aquelas situacións en que a froita madura de máis para o seu acceso ao mercado, por exemplo.
Outro caso. Ao sur da comunidade, en Oia, tamén se puxo a proba un demostrador dixital frutícola, un sistema de monitoraxe e control de rega. A iniciativa acóllese ao programa europeo Dixital Europe e levouse a cabo da man do HUB de innovación Datalife unha iniciativa hispano-lusa.
Traxectoria
Desde a súa fundación no 1988, Kiwi Atlántico desempeñou un papel importante á hora de consolidarse e volverse un alimento recorrente na cesta da compra nos fogares do territorio nacional. A compaña xa representa a oitenta socios e a un centenar de agricultores de Galicia, Asturias, Cataluña e Portugal. Entre todas estas xeografías, acada as 450 hectáreas sobre as que o ano pasado colleitou 12.000 toneladas. Con estas cifras, é lóxico que sexa a maior produtora de España e unha das referentes en Europa.
