Galicia teme que a reforma da PAC a deixe sen axudas para a mobilidade de terras e infraestruturas rurais

AGRICULTURA

Medio Rural calcula que, coa rebaixa do 20% nos fondos mínimos blindados para a PAC na proposta da UE, a comunidade recibiría 80 millóns de euros menos de axudas para o campo
19 jul 2025 . Actualizado á 09:32 h.«Esta nova proposta é inxusta e insuficiente». Así de tallante mostrouse a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, á hora de valorar o anuncio da Comisión Europea sobre como será o novo período da Política Agraria Común (PAC) que comezará no 2028. Aplicando aos fondos da comunidade o recorte do 20% que sufrirá o presuposto mínimo blindado para a agricultura, a consellería calcula que Galicia deixará de ingresar 80 millóns de euros ao ano ou, o que é o mesmo, 480 millóns en todo o período PAC. Pero é que, a maiores, o Goberno galego ve perigar seriamente os fondos que actualmente recibe para cuestións como a mobilidade de terras ou a mellora das infraestruturas do rural, que deixarán de ter unha partida reservada e que dependerán da repartición que faga o Goberno central dos 79.900 millóns concedidos a España por Bruxelas para distribuír entre fondos rexionais e axudas agrícolas no período entre 2028 e 2034. O fondo nacional que lle toca a España, segundo fontes da Comisión, completaríase con outros 3.000 millóns reservados para migración e políticas fronteirizas e 5.300 para o Fondo Social polo Clima. En total recibiría 88.100 millóns, converténdose no terceiro país que máis fondos recibe para o seu plan nacional e reginal por detrás de Polonia e Francia.
Gómez lembrou que, actualmente, a PAC xestiónase a través de dous piares: un de axudas directas e outro con fondos para o desenvolvemento rural. É este último o que máis periga co novo deseño da PAC, recoñeceu, e del dependen cuestións tan importantes como os fondos Leader, as axudas para a incorporación de mozos, os plans de mellora, as axudas agroambientais ou os fondos para financiar a mobilidade de terras e as infraestruturas rurais.
A nova proposta «cambia a arquitectura da PAC e se fai un fondo común», engadiu Gómez. E iso implica que, aínda que haberá unha serie das liñas que contarán cun presuposto protexido, como por exemplo as axudas directas, haberá outras que terán que competir para lograr financiamento con outras materias que tamén se financiarán con ese fondo e que van desde cuestións de seguridade e interior a infraestruturas de todo tipo e programas sociais.
Desta forma, Gómez lamenta que, por unha banda, o presuposto da PAC perda 80.000 millóns de euros, pero tamén que non se garantan con partidas específicas todas as liñas de subvencións que ata o de agora se financiaban con esta política. «A situación nos preocupa e moito porque crea desiguladades; xa non imos ter un orzamento específico», engadiu. De aplicarse esa redución global do 20% aos fondos da PAC que actualmente recibe Galicia, a conselleira calcula que a comunidade pasaría de percibir 181 millóns de euros de axudas do primeiro piar a 136 millóns, mentres que os Fondos Feader veríanse reducidos dos 137 millóns de euros a 103. En total, perdería 80 millóns de euros por ano, que suporían 480 millóns de euros menos para todo o período.
Esta non é unha cifra definitiva, tan só unha estimación. Porque o recorte non será igual en todos os ámbitos. Gómez explica que a Comisión Europea blinda unha serie de axudas previstas no piar un, que son as rendas por superficie, as axudas para a renda asociadas e o pago específico do algodón. O mesmo fai con outras que estaban incluídas no segundo piar: o pago a pequenos agricultores, as axudas para zonas agroambientais, as de zonas con limitacións naturais, as de incorporación de mozos e o apoio a determinados sectores, como pode ser o viño. «Pero a realidade é que teremos menos cartos para afrontar todo isto. Non poderemos fancer fronte a todas esas axudas se non temos financiación sufciente», engadiu.
Ao mesmo tempo, desde a consellería témese polo futuro de liñas como a mobilidade de terras ou a recuperación de infraestruturas agrarias, que resultan fundamentais nunha comunidade como Galicia caracterizada polo minifundio. Outra cuestión que preocupa no medio Rural é que tamén aumentará a porcentaxe de cofinanciamento, que ata o de agora estaba entre o 20 e o 25% e que, unha vez que chegue o novo período, pasará a ser dun mínimo do 30 %.
Gómez xa remitiu unha carta ao Ministerio de Agricultura para solicitar a celebración dunha Conferencia Sectorial, unha medida que tamén tomaron outras comunidades autónomas. Tamén convocou unha reunión cos principais axentes do sector primario galego para facer unha valoración máis pormenorizada desta proposta.