
A adega deu a coñecer cunha festa as súas principais novidades: o seu primeiro veu sen alcol elaborado a base de albariño e o IWine, unha elaboración pensada para consumirse ben fría
18 jul 2025 . Actualizado á 09:45 h.O viño non é só para os entendidos. Para os que saben apreciar a golpe de nariz os aromas que esconde ou para os que, con só catalo, poden pescudar a zona na que foi elaborado. E esa é unha máxima que en Paco & Lola teñen moi clara. A adega volveu a sorprender aos seus clientes con dúas novidades nas que a innovación está moi presente, pero tamén os gustos dos consumidores. Porque «cremos que hai un viño para cada persoa, cada momento e cada elección», explican. Cunha festa ao grande, a firma deu a coñecer o IWine, un Rías Baixas pensando para consumir con xeo; e o Nº 0, o primeiro sen alcol a base de albariño que elabora esta adega.
«É un viño pensando para quen quere gozar do sabor e a esencia dun viño, pero sen alcol». Así definen o Paco & Lola o Nº 0, o seu albariño sen alcol co que quere estar presente en calquera momento da vida dos seus consumidores, ofrecéndolles un viño para cada ocasión. «Este albariño é máis que unha novidade, é unha aposta pola liberdade de elección e o gozar consciente», engade
Con esta nova elaboración, a firma súmase á lista de adegas que apostan por produtos con baixa ou cero gradación alcohólica, en tendencia co que os novos consumidores están a demandar. «Esta nova referencia foi creada para quen busca unha alternativa sen alcol, pero sen renunciar ao sabor, a frescura e a personalidade que caracteriza aos viños de Paco & Lola», engaden.
A presentación deste novo albariño tivo lugar onte, cunha festa na Quinta de San Amaro. A adega rodeouse para a ocasión de colaboradores, amigos e profesionais do sector para dar a coñecer, tamén o seu Iwine, o primeiro Rías Baixas pensado para gozarse con xeo. Trátase dun 100% albariño elaborado con uvas especialmente aromáticas que son maceradas en prensa a baixa temperatura e atmosfera inerte que se consegue ao engadir xeo seco. Posteriormente, fermenta en aceiro inoxidable. O resultado é un viño con aromas de flores brancas, froita exótica como lima e piña e matices de froita branca.
O Iwine é un viño moi pensado para o verán, para gozar cunha pedra de xeo. Así, en boca ofrece unha sensación salina e refrescante, cunha acidez equilibrada e unha lixeira dozura. Ademais, o fondo mineral e salino deste viño proporciónalle unha frescura inigualable, facendo que cada sorbo sexa unha experiencia revitalizante.