A gaiola para drons do campus de Lugo usarase o próximo curso: «Será un salto de calidade tremendo»

AGRICULTURA

As instalacións, montadas na zona do anfiteatro, foron financiadas pola Deputación e pola USC

18 jul 2025 . Actualizado á 09:46 h.

A gaiola para drons do campus de Lugo (USC) usarase o próximo curso. Este xoves realizouse a presentación oficial das instalacións, que incluíu unha demostración de voo con varios aparellos. A posta en marcha da gaiola abre novas perspectivas ao campus lucense, de xeito especial á Escola Politécnica Superior. «Será un salto de calidade tremendo», dixo tras o acto oficial Roberto Iglesias, coordinador do grao de Robótica, que se imparte na citada escola.

O cambio suporá un avance en seguridade, en comodidade e en eficacia. Por unha banda, apuntou o profesor, a existencia da gaiola posibilitará que as prácticas con drons leven a cabo sen riscos para a contorna. O espazo que ocupa é duns 450 metros cadrados, cunha altura de dez metros, e calquera incidencia minimizarase porque ocorrerá dentro dese lugar pechado. En canto á comodidade, apuntou o docente, non hai unha alternativa particularmente doado para profesores e alumnos: unha opción usada algunha vez foi o aeródromo de Rozas, pero é necesario levar e traer aos estudante e cumprir uns trámites, sen esquecer que se trata dun espazo tamén restrinxido por outros usos.

Polo que respecta á eficacia, Iglesias recalcou este xoves que o emprego da gaiola potenciaría a docencia e a investigación. O grao de Robótica está claramente conectado con esas instalacións, ás que, doutra banda, chégase tras percorrer uns centos de metros. Pero o coordinador do grao, implantado hai poucos anos na oferta do Campus Terra e caracterizado pola alta inserción laboral que proporciona aos alumnos, agregou que sería tamén útil para os estudantes do máster en sistemas aéreos non tripulados. Incluso apuntou que o máster en vehículos autónomos, cuxa implantación é un obxectivo da Escola Politécnica Superior lucense, beneficiaríase da construción da gaiola.

«Tecnoloxía ao servizo da formación»

A gaiola está colocada na vaguada do campus, dentro da zona que ocupa o anfiteatro ao aire libre. A Deputación achegou a maior parte do presuposto (uns 100.000 euros en total), que completou a Universidade de Santiago de Compostela. O presidente da institución provincial, José Tomé, destacou que as instalacións axudarían a formar aos alumnos en cuestións que hoxe están moi presentes na agricultura ou no sector forestal«É un proxecto que simboliza como se pode poñer a tecnoloxía ao servizo da formación, da innovación e do desenvolvemento de noso territorio», dixo.

O reitor da USC, Antonio López, referiuse á gaiola como un reforzo da oferta educativa e investigadora do campus lucense.