UU.AA. denunciará a todas as adegas que pretendan pagar a uva por baixo dos custos de produción
AGRICULTURA

O sindicato lembra aos viticultores que deben ter os contratos asinados e rexistrados un mes antes de que empece a vendima e reclama á Xunta que poña en marcha un observatorio que permita saber canto custa producir en cada denominación galega
17 jul 2025 . Actualizado á 19:53 h.Segundo os cálculos realizados polos responsables de Unións Agrarias, en aproximadamente un mes Galicia estará a se preparar para unha nova vendima. E, antes de que isto suceda, a organización agraria quere confirmarse de que os viticultores coñecen toda a protección que lles dá a normativa actual. Por iso, o responsable de agricultura da formación, Carlos Basalo, lembrou onte que estes profesionais deben contar con contratos asinados e rexistrados, nos que se inclúa o prezo que van percibir pola uva, antes de entregar esta en adega. A organización de agraria considera que non existen motivos que xustifiquen actualmente unha baixada do prezo da uva en Galicia e anuncia que denunciará a todas aquelas adegas que intenten pagar por baixo dos custos de produción.
Basalo quixo deixar clara a importancia que o sector vitícola ten en Galicia, sobre todo á hora de fixar poboación no medio rural. «O ano pasado vendimiáronse 74 millónes de quilos de uva, cos que se elaboraron preto de 47 millóns de litros de viño», explicou. Ademais, en Galicia hai máis de 10.000 viticultores que coidan de 9.000 hectáreas de terreo e 400 adegas, que xeran un volume de negocio que supera os 400 millóns de euros. «Para a economía de moitas comarcas, é o único sector que existe», engadiu. As previsións deste ano falan de que Galicia recollerá unha colleita moi similar á do pasado ano.
Unións Agrarias móstrase preocupada, en primeiro lugar, polo que está a suceder na Ribeira Sacra, pois a situación dos viños tintos a nivel mundial non variou e segue habendo problemas de comercialización. «O ano pasado, máis de 300 viticultores non entregaron uva nesta denominación. Se este ano iso se repeite, vai supoñer o abandono deses viñedos», afirmou Basalo. Tamén lembrou aos viticultores que deben ter un contrato asinado e rexistrado antes de entregar a súa uva ás adegas.
Outra das cuestións que inqueda a esta organización é o prezo que as adegas ofertan pola uva. Sostén que, no Ribeiro, «estase a falar de que pagarán a Palomino a 30 céntimos, o que non da para pagar os custes de producción», explicou Basalo. Ao mesmo tempo, temen que as adegas teñan a tentación de ofrecer prezos á baixa noutras denominacións de orixe. «En Rías Baixas e no Ribeiro hai a tentación de usar os aranceis de Trump para xogar cos prezos á baixa», argumentou Félix Porto, vicesecretario xeral do sindicato. E engadiu que, nestes momentos, aínda non está claro se se subirán ou non esas taxas comerciais.
Porto ten moi claro que, actualmente, «non existe ningún motivo en ningunha denominación galega para que haxa unha baixada de prezos». E que nin sequera os aranceis, no caso de que os haxa, deberían afectar o prezo que o viticultor percibirá pola súa colleita. Primeiro, porque estes só afectan a unha denominación en concreto: Rías Baixas, que é a que máis vende nos Estados Unidos. E, en segundo lugar, porque existen mercados alternativos que as adegas poden atopar para os seus viños.
Estudo de custos de produción
Ante esta situación, Unións Agraria reclama á Consellería do Medio Rural que realice un estudo de canto custa producir un quilo de uva en cada denominación galega. Porque Galicia conta cunhas particularidades moi especiais, marcadas polo minifundio e a vendima a man, que fan que eses custos sexan moi superiores aos doutras comunidades autónomas. «Castela e León saca ese estudo de custes todo os anos e é importante que a consellería tamén o publique», engade Basalo. Porque iso serviría de referencia aos viticultores, como prezo mínimo que deberían percibir pola súa uva. «As comeptencias son da Xunta e é ela quen ten que poñer en marcha o mecanismo do observatorio de prezos», engadiu Porto.
A pesar de non contar con esta entidade, Unións Agrarias está disposta a levar ante a Axencia de Control e Información Alimentaria (AICA) os contratos de empresas que queiran pagar a uva por baixo dos custos de produción. «Lles pedimos ás adegas que cumplan coa lei e que non xoguen cos viticultores porque imos denunciar a todas as adegas con ofertas por debaixo dos custes de produción», reiterou Basalo.
Por último, a formación volveu reclamar que se liguen as axudas que Medio Rural concede ás adegas a que estas compren a uva aos viticultores e páguenlla en tempo e forma. Segundo os datos do sindicato, máis da metade das subvencións concedidas para a reestruturación de viñedos foron para 50 adegas galegas. «Non ten sentido que lle demos cartos ás adegas para plantar e que agora digan que non lle van coller a uva aos viticultores», denunciou Basalo. Esta é unha vella reivindicación de Unións Agrarias, que leva anos reclamando que nas subvencións que reciben as empresas do sector inclúase unha cláusula que premie a aquelas que adquiren uva en tempo e forma aos viticultores galegos.