Patrocinado por Patrocinadopor

A plataforma de produtores de ecolóxico continúa a batalla para cobrar as axudas do 2022

Somos Agro LA VOZ

AGRICULTURA

ALBERTO LÓPEZ

As alternativas que lles ofrece Medio Rural para compensar o esgotamento do orzamento non convencen os afectados

12 feb 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

A Plataforma de Produtores de Ecolóxico de Galicia (Proecogal) non se rende. O compromiso da Consellería do Medio Rural de triplicar o orzamento das axudas agroambientais para produtores ecolóxicos para este ano ou o de incrementar as primas por hectáreas para compensar aos profesionais do sector que quedaron sen as subvencións do 2022 non lles convence. Nun comunicado emitido despois da reunión mantida o venres co conselleiro José González comentan que «esperábamos unha solución boa e definitiva para as solicitudes denegadas no 2022 como vimos reivindicando e reiterando dende que xurdiu este problema». Porque para eles as solucións que lles deron desde a consellería non chegan. Por iso din que realizarán novas medidas de presión que «nos leven a cobrar as cantidades que estaban preautorizadas e que son as que están a lastrar o desenvolvemento das nosas explotacións». 

Entre as alternativas que ofrece a Consellería do Medio Rural está que a convocatoria deste ano vai contar un compromiso de permanencia e de financiamento de 5 anos para o que subirán o orzamento dispoñible en máis dun 130 % sobre o previsto, un montante que tamén suporá un incremento do 183 % con respecto á partida habilitada no 2022. Isto significa que haberá 9 millóns de euros anuais en o próximo período de cinco anos. 

Pero desde a plataforma creen que tanto o conselleiro como o director xeral de Gandeiría, José Balseiros, continúan dicindo que «é imposible recuperar esas axudas ou mesmo compensalas e evaden o tema tratando de desviar a nosa atención para o no vo período PAC, período no que aceptan facer unha dotación maior de crédito, chegar ao 25 % como reclamaba a plataforma dende que comezamos». A plataforma celebra iso, pero reitera que esas melloras non arranxan o problema do 2022, «xa que o incremento dese 25% estaba falado nas reuniones anteriores do PEPAC, e antes de producirse as denegacións de axudas do 2022. É importante lembrar que nun primeiro momento a solución da consellería era baixalo ao 10 % para repartir entre tódolos solicitantes».

Por iso, engaden que desde Proecogal «continuaremos insistindo tanto a nivel administrativo, como sociel e, se fixera falta, xurídico. E lamentamos non poder transmitirvos novas máis satisfactorias e dar por concluido o problema».