Patrocinado por Patrocinadopor

A malla en Doncos, ás portas dos Ancares: «Moita fame quitou nas casas»

PAULA ÁLVAREZ / M.G DONCOS / LA VOZ

AGRICULTURA

Hoxe en día, o traballo desenvólvese coa máquina malladora. Antigamente, todo se facía a man.
Hoxe en día, ou traballo desenvólvese coa máquina malladora. Antigamente, todo se facía a man. Paula Álvarez

A pesar de que este traballo do campo galego estase perdendo, aínda quedan lugares que ou recuperan

12 ago 2022 . Actualizado ás 13:33 h.

O ruído da máquina malladora ao abrir a fiestra pola mañá cedo indica que non todas as tradicións están perdidas. Fai sol, o ceo mantense despexado e o gran do trigo está seco. O día préstase para dar comezo a mallega en Doncos (As Nogais). 

Tino Souto, que plantou o trigo xa no mes de abril, ten os «meducos» preparados e os traballadores, con máis ilusión ca nunca, dispóñense a desenvolver unha tarefa que lles trae á memoria o recordo da súa infancia. Nesta ocasión son dez: seis homes, tres mulleres e un neno. Suficientes, pero nada comparado coa xente que se xuntaba décadas atrás, cando non dispoñían de máquinas. Os máis veteranos lembran «dúas casas mallando ao mesmo tempo e, en cada unha delas, facían falta ao redor de 25 persoas».

O po que solta a palla nubra a visión, pero deixa unha escena que reflicte o verdadeiro traballo en equipo. Manolo pasa os «mollos» para que Tino lles corte o fío e José os meta á máquina. E tamén Hugo, agochado baixo da máquina, desenvolve unha das tarefas máis importantes: recolle o gran do trigo do que, unha vez moído, sae a fariña para facer o pan e o penso para os animais. Este gran gárdase en paneiras ou arcas, pero sempre protexido dos roedores.

Hugo recolle en sacos o gran do trigo, que despois se moe para obter a fariña.
Hugo recolle en sacos ou gran do trigo, que despois se moe para obter a fariña. Paula Álvarez

Á súa dereita, Tomás vai apartando «a minudanza da espiga», o que entre eles coñecen como «cuañeira». Antigamente, envolvíana con palla ao redor e servía de alimento para o gando en inverno, agora simplemente vai entre as alpacas. «Antes non se perdía nada!», exclaman.

Por outro lado, está Julio collendo a palla que pasa á empacadora, mentres María e Isabel amontoan as alpacas: «Que doado é hoxe -di Julio- imaxina cando as mulleres ataban a palla a man, colléndoa en brazados e facendo mañizos».

Pouco a pouco e facendo algún descanso, sacan a mallega adiante. É un traballo duro, pero para eles ten un significado tan grande, que só hai cabida para o entusiasmo. Contan, sentados sobre as alpacas, que «a malla quitou moita fame nas casas; o que tiña unha boa colleita, tiña alimento para todo o ano».

Festa rachada

Se algo teñen claro os traballadores, despois de toda a mañá suando, é que o traballo vén seguido dun bo banquete. Fundamental nas aldeas ao remate de tarefas coma a matanza ou a mallega: «Colleita recollida e alimentación solucionada. Como non o imos celebrar?», confesan entre risas.

Cada vez quedan menos mallegas e, para estes veciños, poder recuperalas é motivo de festa. E máis cando o traballo dá o seu froito e saben que fame non van pasar, pois desta vez a paneira quedou ben chea.

De Barcelona a Doncos para mallar: «Hay que aprender de todo»

Que varias persoas recentemente chegadas da cidade poñan a funda e colaboren na mallega non é algo que se vexa todos os días. Pero aí estaban Isabel Novoa e a súa familia, cun neno de catro anos, desafiando as tradicións.

Levan un par de anos pasando o verán en Doncos e xa están totalmente integrados cos traballos da aldea. Esta é a segunda vez que acoden á malla e Isabel explica que «el pueblo es la base de todo, aunque nos creamos más listos en la ciudad. Nos parece importante que nuestro hijo sepa lo que cuestan y de dónde salen los alimentos, que no los encuentre directamente en el plato, sino que conozca el proceso. Colaborando en esto, que además es un proceso cultural muy importante, aprende cómo se hace, por ejemplo, la masa del pan y de la pizza».

A ilusión que poñen demostra as súas ganas «por ayudar y aprender de todo porque nunca se sabe». Ademais, os veciños están encantados coa súa axuda e confesan que «traballan coma calquera de nós. Parece que levan aquí toda a vida».