Patrocinado por Patrocinadopor

Seca e frío facilitan o traballo dos agricultores

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

ADRIÁN BAÚLDE

Os cultivos desta época están preparados para soportar as baixas temperaturas e a ausencia de choivas permite que a terra estea seca e perfecta para empezar coa colleita da próxima primavera

28 ene 2022 . Actualizado ás 12:45 h.

Non hai charcos, nin leiras cheas de auga. Por iso cando se lle pregunta aos agricultores galegos por como están a afectar as baixas temperaturas e a ausencia de choiva aos seus cultivos, non debe sorprendervos que a súa resposta sexa favorable. «O tempo está ideal», explica María Carramal, unha agricultora en ecolóxico que ten as súas terras na parroquia de Armenteira, en Meis. Alí, debido á altitude, as xeadas son máis intensas que noutras zonas das Rías Baixas. Pero non lle preocupa. «A nabiza e o grelo, resisten perfectamente o frío», insiste. «O normal é que neste tempo non se poida entrar co tractor nas fincas, porque están cheas de auga, pero este ano se pode traballar sen problemas», engade José Iglesias, da Despensa D'Luxo, en Coristanco. As condicións meteorolóxicas son tan favorables que ambos están xa inmersos en preparar os cultivos da próxima primavera, como a pataca ou o guisante.

Na cooperativa Horsal, a máis grande horta de Galicia, estaban máis descontentos coas altas temperaturas que se rexistraron o pasado mes de decembro que coas condicións meteorolóxicas de xaneiro. Porque os cultivos que hai nestas datas «están adaptados ao frío, aos días curtos e á falta de luz», explican. Así, cando chegan xornadas con vinte graos de temperatura «provocan desaxustes nos ciclos do cultivo». Sucedeu coas leitugas, por exemplo, que en decembro non tiveron as condicións ideais para crecer. «Crecen máis, pero non gañan peso e desmóntanse, afecta á calidade do produto», insisten.

ADRIÁN BAÚLDE

Os agricultores desta cooperativa teñen actualmente ao aire libre plantacións de nabiza e grelo, kale, verza e algo de repolo. «O frío vénnos ben porque a estes cultivos lles fan falta horas de frío», contan. En canto á ausencia de precipitacións, aseguran que «non hai falta de auga», polo menos non por agora. «É verdade que hai cultivos que se teñen que regar pero é porque hai vento do norte que seca a terra. Agora mesmo non hai seca», insisten. O problema pode chegar máis adiante, se esa falta de auga persiste ou se chove torrencialmente cando estean brotando os cultivos de primavera. 

O grelo de Monfero

Se hai un cultivo ao que lle guste o frío ese é o grelo e na cooperativa Valxestoso, de Monfero, saben moito diso. Aseguran que aquí non están a ter problemas coas baixas temperaturas, nin coa falta de auga, é máis, «o problema sería que viñera a chover agora», afirman. Recoñecen que o que non lle gusta ao grelo «son os cambios bruscos de temperatura», con xeadas á primeira hora e un sol que quenta demasiado a continuación. Porque estas son as condicións ideais para o desenvolvemento dos fungos. «Os fungos sempre están aí, pero este ano non hai moito problema, hai algunhas manchas, pero nada que ver con outros anos», engaden. 

«Xaneiro está vindo como se supón que ten que ser, con días fríos e ausencia de choiva», engade Carramal. Na súa opinión, «non está xeando máis ca outros anos. Ademáis, as xeadas matan os bechos e desinfectan a terra», aínda que tampouco lle preocupan as baixas temperaturas, pois os cultivos desta época sopórtanas á perfección. «Agora mesmo temos un tempo estupendo porque a nabiza e o grelo resisten ao frío e, ademáis, as fincas están secas e podemos traballalas sen problema», É máis, en anos anteriores non podían empezar a plantar a colleita de primavera ata chegado febreiro, pois a terra estaba moi alagada e resultaba imposible podela traballar. Este ano, en cambio, «xa estamos plantando a pataca de cedo e os chícharos», conta. O seu maior temor é que toda a auga que non caeu este inverno chegue durante a primavera, cando os cultivos empezan a brotar e son máis vulnerables.

En  ADespensa D´Luxo ten moi claro que o cambio climático está aquí e veu para quedar. «O ano pasado, con todos os cambios que houbo, recollemos en setembro e outubro colleitas que normalmente recollíamos en agosto», conta José Iglesias, un dos responsables desta firma dedicada ao cultivo de verduras de alta calidade para restauración e comedores. As súas leiras están en Coristanco, «e aquí hai dúas semanas choveu bastante», así que non hai falta de auga. Tamén aquí están encantados coas condicións meteorolóxicas das últimas semanas. O frío vénlles ben para os seus cultivos, como o guisante bágoa, e a ausencia de auga permítelles traballar en moi boas condicións. «Nesta época do ano nunca podíamos entrar cos tractores nas fincas. Plantábamos en febreiro as primeiras colleitas e agora xa o podemos facer, xa podemos empezar a plantar», conclúe. Se o tempo seguen acompañando, guisantes e patacas chegarán este ano antes do habitual