Patrocinado por Patrocinadopor

A produción ecolóxica necesita o tirón do consumidor para despegar

María Cedrón REDACCIÓN

AGRICULTURA

PABLO ARAUJO

Planas di que hai que lograr que eses alimentos estean ao alcance de todos

18 novs 2021 . Actualizado ás 09:17 h.

Só un 25 % da carne que se produce de forma ecolóxica en Galicia, acaba no supermercado comercializándose como o que é. O resto acaba canalizándose como convencional. «Eso é un problema porque estamos competindo no mercado con carne de animais criados con outro tipo de manexos cando os custes da cría en ecolóxico son moito maiores», explica Javier García Lozano, secretario do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica (Craega). O problema é que non hai suficientes operadores de transformación certificados como ecolóxicos como para dar saída a todos os animais que se crían baixo ese tipo de manexo. Os datos do Ministerio de Agricultura sobre produción ecolóxica correspondentes ao 2020 mostran como en Galicia hai 746 produtores en ecolóxico de carne, leite, froitas ou verduras, mentres que só hai rexistrados 233 elaboradores ou transformadores e 74 comercializadores almacenistas. Iso que a comunidade é líder de España en produción de porco, ovos, leite de vaca e pitos. Por non falar de que é a gran produtora de produtos de acuicultura en ecolóxico. De mexillón hai 140 operadores, mentres que de plantas acuáticas hai 14.

Como solucionar este hándicap? O consumidor ten a resposta: «De haber demanda por parte do consumidor, a distribución metería a carne nos liniais e non só habería unhas bandexas. Entón os transformadores acabarían reconvertíndose tamén e podería haber ata canais ao corte nas carnicerías», engade García Lozano.

Estimular o consumo de produtos ecolóxicos para, en parte, lograr esa reconversión que frea o pleno despegamento do sector é o que pretende a campaña presentada onte polo ministro de Agricultura, Luis Planas, Aquí somos eco-lóxicos. Nada que esconder, enmarcada dentro da estratexia Alimentos de España. «É fundamental que se compase o crecemento da produción e o do consumo», dixo Planas. Ademais destapou un dos obstáculos que frean a entrada destes produtos en moitos fogares: os prezos. «Temos que conseguir, ademais, que os alimentos ecolóxicos estean ao alcance de todos os petos».

Os obxectivos desta campaña están en consonancia co plan Da Granxa á Mesa, que pretende que un 25 % da superficie agraria útil estea dedicada a producións ecolóxicas no horizonte do 2030 (actualmente hai un 10%) . E aínda que nese sentido, España avanza no bo camiño —esta creceu en España a un ritmo do 4,8 % anual medio nos últimos cinco anos ata acadar os 2,5 millóns de hectáreas—, o consumo aínda está moi por baixo da media europea. No 2020, explican desde o Ministerio de Agricultura, «o consumo de produtos eco en España xerou 2.528 millóns de euros, un 7 % máis que o ano anterior. Con todo, o consumo per cápita de 53,41 euros anuais, aínda está moi lonxe da media comunitaria, que acada os 84 euros anuais».

Por iso, a campaña pretende centrarse na transparencia, trazabilidade, certificación e tamén a etiquetaxe deste tipo de produtos para que os consumidores que aínda teñen receo sobre este tipo de produtos observen os seus beneficios, tanto desde o punto de vista ambiental como económico polo maior valor que achegan aos agricultores, gandeiros ou pescadores que os producen.

Desde o ministerio destacan a importancia de dar a coñecer ao consumidor que a EuroHoja que identifica á produción ecolóxica en toda Europa é unha garantía de que todos os produtos que a levan pasaron uns controis en toda a cadea de produción.