Patrocinado por Patrocinadopor

Que cultivos podemos plantar agora en ecolóxico?

Maruxa Alfonso Laya
M. Alfonso REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

cedida

Conchi Docampo, de Burbullas de Sol, explica que imos tarde para a horta de inverno, pero que é tempo de leguminosas como o guisante, o tirabeque ou determinados tipos de faba

10 sep 2021 . Actualizado ás 09:22 h.

O Centro de Formación e Experimentación Agrícola de Sergude acolle estes días un curso sobre cultivos de inverno na horta ecolóxica. Unha iniciativa na que os participantes aprenderán a deseñar o seu propio horto, programando que especies plantar en cada momento e levar a cabo esas plantacións. Conchi Docampo, da horta agroecológica Burbullas de Sol, é unha da encargadas de impartir as clases. «Para plantar horta de inverno xa chegamos un pouco tarde, porque se soe plantar entre finais de xullo e mediados de agosto, agora podemos plantar berza, grelo e outras coma o chícharo», conta. 

O primeiro que é importante antes de realizar a plantación é comprobar o abonado do terreo.«Neste caso como o terreo xa viña doutro curso xa o tiñamos aboado. En ecolóxico podemos dar esterco de vaca en extensivo, pero non das que están estabuladas», engade. Tamén é importante que o terreo conte con algún tipo de protección, para evitar que os cultivos estean a mercé das inclemencias meteorolóxicas. «Neste curso ensinamos a facer infraestructuras sinxelas de cubrimento dos cultivos, como un minitúnel», explica. 

As verzas do país son un cultivo para o que aínda chegamos a tempo, como o grelos. E logo están as leguminosas, como o guisante ou as fabas. «O chícharo é unha planta mellorante, que non precisa de esterco. É un cultivo que aproveita ben o que hai no chan e é bo, nunha rotación de cultivos, metelo porque é un fixador de nitróxeno», engade. Existen diferentes variedades, asegura, que precisarán de diferentes coidados. As de mata baixa, por exemplo, só precisan que esteamos pendentes das malas herbas, mentres que as de medio enrama hai que colocarlle unhas ramas para que suban. As de mata alta, para rematar, precisan unha rede de entutorado. 

No curso que se está impartindo en Sergude, os alumnos aprenden a planificar a horta, a preparar o terreo, a realizar os seus propios sementeiros (agora é tempo do de cebola) e a elaborar as súas propios fertilizantes. Tamén se lles ensina como combater as pragas de inverno e a elaborar os seus propios composteros. Ás clases, que rematarán o próximo 6 de outubro, acoden trece alumnos.