Patrocinado por Patrocinadopor

Inés Santé, directora do Agader: «O sacho non o domino»

AGRICULTURA

ANA GARCÍA

A enxeñeira, alma da nova Lei de Terras, admite que é unha teórica e cre que hai unha oportunidade para acabar co minifundismo

03 sep 2021 . Actualizado ás 18:08 h.

Nos corredores da Consellería de Medio Rural hai un mapa de Galicia xigantesco que ocupa unha parede enteira, cun enorme nivel de detalle. Ningún documento como ese para apreciar o despiporre de leiras en que se divide este país. A Inés Santé (Ferrol, 1976) pedíronlle que o ordene. E niso está. Chega á entrevista cun elegante vestido negro e un aire tímido do que lle custa desprenderse.

-Na Wikipedia pon que é vostede inventora.

-Non son inventora. O da Wikipedia foi un agasallo do meu marido, pero iso de inventora non me gusta. Púxoo porque teño unhas patentes de software .

-É unha entrada impresionante. Se é un agasallo, enténdese mellor.

-Creo que teño que cambiala, je, je.

-Cambiou a Universidade pola xestión.

-Si, este posto hame dado a oportunidade de pór en práctica o que levaba estudando moitos anos. Eu fixen a miña tese sobre planificación do chan rural, que foi o que o conselleiro ofreceume facer aquí. Non podía rexeitalo.

-Ese labor non parece doado.

-Non. É moi complicado. A miúdo dicimos que Galicia é como un laboratorio para calquera tema de xestión do territorio: o que funcione aquí, funcionará en calquera outro lado. Temos un relevo moi complexo, once millóns de parcelas rústicas, 16 millóns de recintos de usos.

-Tocamos a seis parcelas por cabeza.

-Dous terzos dos galegos temos parcelas rústicas. Outra complexidade.

-Vostede tamén ten, claro.

-Si, herdadas dos meus pais. Algunhas non se nin onde están; en zonas onde nin hai parcelario catastral.

-Ese é o drama. Hai unha xeración de propietarios que ignora en gran parte onde están as súas propiedades.

-O conselleiro di que estamos nos últimos anos para reaccionar antes de que todo iso se abandone. Sempre houbo un apego á terra, pero hai unha nova xeración na que iso está a cambiar. A nova lei de terras está orientada a evitar que isto siga así e poder facer algo con esas terras. A xente agora está disposta a arrendar ou vender con tal de ver que volven xerar riqueza e economía.

-Imos camiño de deixar de ser minifundistas.

-Bo; vai custar traballo, pero creo que estes cambios sociais e normativos darannos as ferramentas para poder loitar contra ese problema e poder pór a producir ese recurso tan valioso e que temos tan infrautilizado.

-Para moitos, rende a idea de que as terras non valen nada.

-Todas as terras son valiosas. Hai que dedicar cada zona do territorio ao uso ideal para ela. E iso ten que repercutir nos propietarios.

-Para pór en produción esas terras ten que haber alguén alí para traballalas. E o fluxo parece o contrario.

-A nós, o que nos chega é que hai demanda. Pedimos proxectos que necesitasen terra e recibimos máis de 1.500 que demandan ao redor de 21.000 hectáreas geolocalizadas. En xeral, a petición de terras é de máis de 230.000 hectáreas. Si que existe esa iniciativa.

-O que vai saír perdendo é o xabaril, ao que lle faltará hábitat.

-Agardemos que sexa outro efecto beneficioso de pór as terras en produción.

-Que tal co sacho?

-Teño que recoñecer que non o domino. A miña práctica é limitada. Eu son unha teórica. Máis aló do xardín... E nin sequera teño moito tempo para iso.

-Os que teñen un horto din que é adictivo.

-Teño pouca experiencia. Conta recoller castañas? De pequena ía e encantábame. Agora fágoo cos castiñeiros do meu sogro. E coas cereixas.

-Se tivese que explotar esas terras que ten, a que as dedicaría?

-Eu arrendaríaas a explotacións da zona, pero se me pregunta por unha idea con futuro, eu véxoo en todo o orientado a actividades ecolóxicas e á gandería extensiva.

Edgardo

-Vostede é unha técnica na Administración. Non lle tenta a política?

-Uy, non. Dáme moito respecto. Este posto si demanda algo de perfil político, pero non é o meu.

-Docencia ou investigación?

-Boto máis de menos a investigación. Gústame moito.

-Celta ou Dépor?

-Do Deportivo un pouco, aínda que son unha seguidora do Real Madrid. Pero desde que teño fillos xa non podo ver o fútbol.

-Cantos ten?

-Tres.

-Dificultades de conciliación?

-Malabarismos.

-Hai quen di que o rural non será atractivo en tanto non haxa oportunidades de lecer para as mulleres.

-Eu creo que é igual para homes e mulleres. O que conta é que haxa oportunidades.

-Defínase en poucas palabras.

-Traballadora, tímida e por aquí din que son un pouco cabezota. E creo que son sincera.

-E como explicaría Galicia?

-É diferente e complicada. Temos unha diversidade moi grande, que tamén é algo distintivo.

-Como aproveita o seu tempo libre?

-Coa miña familia. En vacacións aproveitei para ler algún libro que non sexa de traballo. Ou ir de compras. Grazas a deus teño unha filla á que lle gusta acompañarme.

-Deporte?

-Gustaríame, pero non teño tempo. Durante o confinamento acostumeime a facelo en casa, pero ao empezar este traballo, abandoneino.

-Que tal dorme?

-Ben. Todo o que me deixan en casa.

-Cociña?

-Pouco. Non me gusta, me estresa moito.

-Diría que é unha persoa espiritual?

-Non, moi pouco. Son moi enxeñeira.

-Dígame unha canción.

-Algunha do álbum Autobiografía de Duncan Dhu.

-Que é o máis importante na vida?

-A familia é o primeiro.