Patrocinado por Patrocinadopor

Abre o prazo para apuntarse a un curso de aplicador de produtos fitosanitarios en Santa Comba

Somos Agro REDACCIÓN

AGRICULTURA

Viu

Comezará o 12 de agosto e abordará asuntos que van desde identificar produtos de curso non legal ata as medidas de protección que hai que tomar ao aplicalos

03 ago 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Aplicar produtos fitosanitarios non é algo que poida facerse a treo. De feito hai que ter carné. Para saber botar este tipo de produtos con tento e coñecemento de causa, a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) organizou un curso de aplicador e manipulador destes produtos de nivel básico. A acción formativa comezará o 12 de agosto no edificio multiusos do concello de Santa Comba en horario de 15.30 a 20 horas. 

A formación está dirixida a calquera persoa vinculada con sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandería, industria agroalimentaria e coa cadea forestal-madeira, ademais da mozas do medio rural ou outras persoas que queiran incorporarse ao sector primario. O curso, que contará cunha duración total de 27 horas repartidas en media ducia de xornadas de tarde, centrarase en que os agricultores obteñan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas granxas non tendo que recorrer a persoal auxiliar. Ao mesmo tempo, capacitaráselles para lograr o carné de aplicador de nivel básico, unha condición requirida para exercer esta actividade a nivel autonómico ou estatal. No temario abordarán temas tan dispares como os distintos produtos fitosanitarios, os seus métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, os riscos derivados do seu uso ou os equipos de protección individual que han de usarse para o seu emprego. Ademais, abordarán cuestións como as pragas dos cultivos, as técnicas máis adecuadas para o seu control. Como non, os produtos fitosanitarios de curso non legal tamén serán abordados.

Calquera interesado en participar pode anotarse cubrindo o formulario que está na páxina web da Consellería de Medio Rural, un documento que logo ha de remitirse ao correo patricia.mendez.perez\xuntal.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 483 para máis información.