Patrocinado por Patrocinadopor

A Limia recibirá 32 millóns para potenciar o seu sector agrario

Pablo Varela Varela
pablo varela OURENSE / LA VOZ

AGRICULTURA

Santi M. Amil

A partida irá destinada á limpeza de canles e mellorar os regadíos da comarca

29 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Xunta e goberno central danse a man para salvagardar o futuro da comarca da Limia. Este mércores, o conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo unha reunión co secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Fernando Miranda, coa previsión de executar un investimento de 32 millóns de euros para mellorar e potenciar o sector agrario da zona.

No encontro, celebrado por vía telemática, participaron representantes da Consellería de Medio Ambiente; a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga; o comisario de Augas, Xoán Nóvoa; e os alcaldes dos concellos que integran a comarca.

De inicio, estímase que deses 32 millóns haberá un total de 12 que irían destinados a sufragar a limpeza das canles da Limia e os seus camiños paralelos, co obxectivo de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e as augas. González valorou este paso adiante e a colaboración do goberno porque «é unha cuestión importante para mellorar os aspectos medioambientais na comarca», celebrando o compromiso manifestado polo ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, en Conferencia Sectorial, «para evitar e reducir esta afectación das prácticas agrogandeiras actuais na bisbarra».

Doutra banda, investiranse case 16 millóns nun proxecto orientado á mellora da eficiencia e sustentabilidade dos regadíos na comarca. Este programa estará integrado no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia promovido polo Goberno para plantar cara aos efectos da pandemia de covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Aquí, tamén haberá unha participación da comunidade de regadores da Limia, que achegará preto de 3,2 millóns aos 12,7 do ministerio de Agricultura para completar esta partida.

A maiores, Medio Rural destinará outros 4 millóns para completar, ao longo deste ano, a rede de pozos de regadío no territorio. Esta actuación prevese clave para o porvir da comarca, porque o seu sector primario achega case o 30 % do PIB e é un dos máis produtivos de Galicia en produción agrícola -pataca e millo, especialmente- e no sector da gandería -porcina, avícola e vacina-.

A este respecto, José González manifestou a importancia de unir esforzos entre as distintas administracións para garantir a viabilidade da contorna agraria, así como a calidade de vida e benestar da poboación que depende deste sector na comarca limiana.

O plan estratéxico para A Limia

Segundo a Consellería de Medio Rural, o borrador do Plan Estratéxico do Sector Agrario no territorio da Limia «está moi avanzado». O documento estase elaborando en colaboración coa Fundación Juana de Vega e o Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Limia-Arnoia, e a previsión é que estea finalizado leste mesmo ano.

Ademais, o pasado mes de xuño quedou constituída a comisión interdepartamental para mellorar a sustentabilidade da agricultura na Limia, conformada por representantes do goberno central e a Xunta. A través deste grupo estar examinando posibles solucións para minimizar o impacto ambiental derivado da gandería extensiva na comarca, buscando un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios para as melloras de xestión a medio e longo prazo no territorio.