Patrocinado por Patrocinadopor

José Manuel Ferro: «A loita biolóxica funciona moi ben nas plantas de pementos de Herbón»

ou. lópez PADRÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

MERCE ARES

Os primeiros pementos desta variedade xa están no mercado

10 may 2021 . Actualizado ás 23:24 h.

Os primeiros pementos de Herbón da tempada xa están no mercado e, para garantir que a produción teña a calidade de sempre, algúns cultivadores como José Manuel Ferro, de 50 anos e da recoñecida marca Pementos Carmucha, empezaron coa loita biolóxica nas plantas dos invernadoiros. Deste xeito, días atrás soltou os primeiros exemplares de orius , un insecto que é depredador doutros como o pulgón ou o trips, estes últimos fatais para o cultivo do pemento.

«Levo uns dez anos apostando pola loita biolóxica e está funcionando ben», conta Ferro, que asegura que así se evita usar calquera produto químico para loitar contra as pragas, que adoitan aparecer con demasiada humidade e cos cambios de temperatura. Así, o pemento é o máis ecolóxico posible. Nunha mesma tempada pode soltar catro ou cinco veces exemplares de orius , que adquire cando son huevas.

Nesa loita biolóxica usa tamén adalias, unha especie de mariquita, aínda que neste caso para que sexan eficaces a planta xa ten que ter algo de pulgón. «Son caras, pero funcionan ben», di Ferro. E máis adiante, cando as plantas dos invernadoiros estean cheas de flor, tamén ten previsto soltar abellóns polinizadores, para mellorar a cantidade e a calidade do produto.

A marca que rexenta José Manuel Ferro, e que fundou a súa avoa María de Carmen Rivera (Carmucha) fai uns 90 anos, xa ten á venda os pementos, amparados pola Denominación de (DOP) Orixe Protexida Pemento de Herbón. «Non se recolle todos os días porque as noites aínda quedan frías, pero as plantas xa prometen e os pementos xa empezan a estar gordiños», conta Ferro.

A súa firma destaca polos produtos, nalgún caso gourmet, que ten no mercado elaborados con pementos de Herbón e que lle dan valor engadido ao cultivo fóra de tempada. Así, elabora confitura; pemento verde doce e picante; pemento deshidratado e escamas de pemento deshidratado. O seu produto tamén está presente nun vinagre de crianza e nun queixo de Friol. A oferta non quedará aí xa que José Manuel Ferro ten en mente outras propostas.