Patrocinado por Patrocinadopor

Ás cebolas non lles gusta crecer soas: estas son as especies que traban amizade no horto

María Cedrón REDACCIÓN

AGRICULTURA

ANA GARCÍA

A asociación de cultivos mellora a produción e frea pragas e estamos en plena tempada de plantación no horto

12 abr 2021 . Actualizado ás 09:39 h.

Ás cebolas non lles gusta crecer soas no horto. Prefiren a compaña de plantas como as leitugas, coas que adoitan forxar boa amizade. A asociación de cultivos é unha técnica que permite, ademais de obter unha maior variedade de alimentos no mesmo espazo de terreo, lograr maiores rendementos na produción e facer fronte ás pragas. Agora que estamos en plena tempada de plantación nas hortas, o enxeñeiro agrónomo Guillermo Rodríguez, especialista no método de cultivo biointensivo e que traballa na Horta Biointensiva O Torno, explica que especies podemos plantar xuntas. De momento, hai que pensar en que é tempo de botar as patacas, as cebolas, as xudías.... A partir da semana que vén poden empezar a plantarse tamén as verduras de verán: tomates, pementos, cabaza, cabaciña, millo....

Pero, Como podo dispolos na horta?. Di Guillermo Rodríguez que as cebolas, un cultivo que onde non se plantou xa debería estarse facendo, forma boa sociedade coas leitugas.

As patacas son boas compañeiros dos guisantes, un legume cun alto contido en proteína e nutrientes cada vez máis utilizado en dietas veganas como base proteica.

Os tomates, que empezan a plantarse na segunda quincena de abril (aínda que hai zonas nas que xa empezaron a botarse) poden pórse xunto a unha liña de ceboliña e alfabaca.

As plantas que non son tan sociables son as xudías. Pero non porque non queiran. Só porque as que se cultivan en altura, as que ruben por un pau, dan tanta sombra que non permiten crecer aos seus compañeiros de horto.

Neste último caso, o consello que dá Guillermo para poder comer xudía durante todo o verán é non dedicar todo o espazo dispoñible a unha única especie. «Hai moitas variedades e algunhas son máis tempranas que outras. Combinándoas podemos ter producción todo o verán. De feito non somos capaces de comer de golpe toda a producción que pode dar unha especie nun anaco de terra medio ao mesmo tempo e, polo tanto, mellor e combinalo». Neste momento, por exemplo, podería plantarse a xudía anana redonda, unha especie de nacemento moi cedo. Aínda que debería de estar na terra, aínda se está a tempo de botala, pero habería que cultivala en plantón. Tamén pode empezarse a cultivar xa a xudía no alto, que empecerá a dar froito un pouco máis adiante que a anana.

Hai que ter en conta que cada unha destas especies, o mesmo que toma nutrientes dun ser vivo como é o chan, ofrece ademais unha achega alimenticia ao terreo. Por iso é polo que a asociación de cultivos favoreza a produción porque as plantas comparten o seu potencial.