Patrocinado por Patrocinadopor

Triunfan as plantas de invernadoiro e de exterior

Xosé María Palacios Muruais
X. M. PALACIOS REDACCIÓN / LA VOZ

AGRICULTURA

PALACIOS

Os plantones de repolo, brócoli ou coliflor dominan no mercado de Vilalba

07 abr 2021 . Actualizado ás 10:18 h.

Os vaivéns meteorolóxicos lémbrannos que estamos na primavera. Unha visita ao mercado tamén constata esa situación, xa que abundan as plantas cuxa colleita se iniciará proximamente, ben ao aire libre, ben en invernadoiro. O que resulta evidente é que son produtos que agora dominan no mercado, como se podía comprobar onte en Vilalba. En canto aos produtos para consumir, as hortalizas propias do inverno continúan á venda, mentres as de primavera comezan a aparecer. 

Agricultura a cuberto

Bo momento para tomates, pementos e fresas.

O tomate ten moitas variedades, o que se reflicte tamén en prezos dispares. Oito pés de planta da variedade robin custaban onte tres euros, e oito de tomate negro, oito euros. Así os vendía o vilalbés Ramiro Río. En canto ao pemento, unha ducia de plantas podían comprarse por catro euros: a ese prezo tíñaas, procedentes de Betanzos, o citado vilalbés, e tamén Manoli Arriaza, que as levaba de Mondoñedo. Tamén é momento de plantar leitugas en invernadoiro: por tres euros podían comprarse 20 plantas no posto de Ramiro Río.

 Agricultura ao aire libre

Tempo de repolo, de brócoli e de coliflor.

Unha ducia de plantas de repolo, de brócoli ou de coliflor podían comprarse por tres euros. Eses son cultivos que xa se realizan ao aire libre.

Para comer

Allo porro e coliflor alternan coa leituga.

Un allo porro ou un repolo custaban un euro no posto do mindoniense Luis Piñeiro, que ofrecía leitugas a 0,75 euros. Máis cara estes días está a coliflor, que anda polos tres euros a peza e que xa empeza a escasear. Son hortalizas de Mondoñedo, mentres que de fóra (de Andalucía, neste caso) veñen froitas como a fresa (unha caixa de dous quilos, cinco euros).

 Apeiros de labranza

Fouces de Riotorto.

Para traballos caseiros, en hortos e en xardíns, ou no monte, as fouces de Riotorto teñen gran fama. Ramiro Río vendía onte as primeiras a 10 e a 12 euros, e as segundas, a 15. Esta é a época do ano en que teñen saída, dicía.