Patrocinado por Patrocinadopor

Outros nove concellos poderán volver plantar patacas tras dous anos libres de couza guatemalteca

M.C. REDACCIÓN

AGRICULTURA

JOSE PARDO

Son Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Ribadeo e O Valadouro, agora zona tampón

20 novs 2020 . Actualizado ás 17:59 h.

Foi fai agora cinco anos, no 2015, cando se detectou por primeira vez en Galicia a praga da couza guatemalteca. E atacou non só a un dos emblemas da gastronomía galega, tamén a un dos seus principais produtos agrícolas: a pataca.

Pero, parece que Galicia vai liberándose aos poucos dunha praga que tivo en xaque aos produtores e tamén aos agricultores que traballan unha ou dúas leiras para autoconsumo. Despois de que hai un ano os progresos realizados para erradicar ao insecto desen un paso atrás ao detectarse esta couza en dúas parroquias da Laracha e unha de Carballo, a evolución da enfermidade volve progresar adecuadamente. É o que entende o grupo de seguimento da praga en Galicia, que na súa reunión de onte autorizou o levantamento da prohibición de plantar este tubérculo noutros nove concellos da Coruña e Lugo. Fíxoo porque durante os últimos dous anos non se realizou ningunha captura de insectos no seu territorio.

Os concellos

Os concellos que agora —unha vez que a orde apareza publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG),— pasarán a ser cualificados como zona tampón e, xa que logo, poderán volver plantar pataca baixo o compromiso de comunicar seméntalas que realicen son Cariño, Ortigueira, Neda, Lourenzá, A Pastoriza, A Pontenova, Riotorto, Ribadeo e O Valadouro. Os membros da comisión de seguimento da couza estableceron o 1 de abril como data tope para solicitar a plantación de pataca.

Estes súmanse aos outros nove — Ares, Mugardos, Cabanas, Fene, Ferrol, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Ourol e Abadín— aos que xa se lles retirou o veto a principios deste ano.

Agora, en Galicia quedarían unicamente quince concellos e tres parroquias onde non se pode plantar este tubérculo e, xa que logo, onde as medidas de bioseguridad han de ser máis estritas. Na provincia da Coruña son Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Mañón e Muxía; ademais das parroquias de

Lendo e Caión, en Laracha; e Noicela, en Carballo. Na de Lugo manteñen o veto Trabada, O Vicedo, Viveiro, Xove, Cervo, Burela, Foz, Barreiros, Alfoz e Mondoñedo.

Para que poidan pasar de fase, o importante, resaltan os expertos en sanidade vexetal, é cumprir coas medidas de bioseguridad que se estiveron implementando nos últimos anos. Neste sentido, é de especial importancia non compartir sementes que non estean certificadas ou que non teñan pasado un control, do mesmo xeito que tamén é preciso non pasar pataca polos concellos aínda afectados.