Patrocinado por Patrocinadopor

A colleita de grelo, entre algodóns

X.M.PALACIOS / A. LÓPEZ VILALBA / LA VOZ

AGRICULTURA

ALBERTO LÓPEZ

O cultivo acusa a longa tempada de choivas do outono, e o prezo é por agora máis alto que noutros anos, se ben aínda véndense nabizas nalgúns mercados

20 ene 2020 . Actualizado ás 09:54 h.

A tempada de cocidos está practicamente iniciada, e xa se sabe que o touciño, o lacón ou a orella, ademais das patacas, requiren a súa guarnición de grelos. Hai lugares -algúns municipios de por A Mariña, exemplo- onde xa se están vendendo os primeiros grelos, pero a impresión sobre o futuro da colleita é por agora algo incerto.

A explicación parece fundamentalmente meteorolóxicas. Un outono no que abundaron as choivas trouxo unha colleita por agora irregular, pero ademais xerou unhas expectativas que nalgúns casos están afastadas do optimismo. Pola contra, nalgunhas zonas si se están empezando a recoller e constátase interese no mercado por esta verdura.

«Un ano pobre». Así se expresaba onte Marina Cendán, agricultora de Baroncelle (Abadín). Para esta veciña do municipio abadinense, habitual cultivadora de grelos, os nabos necesitan algo de choiva para o seu desenvolvemento, pero ela matiza: «Non tanta, nin tan cedo coma este ano pasado», recalcou.

Pouco despois do comezo da colleita viñeron xa semanas de choivas, o que influíu nun crecemento máis escaso que outros anos: «Así como naceron, así quedaron», dixo. Queda marxe de mellora para salvar a tempada? Cendán, cuxas leiras suman aproximadamente unha hectárea, tampouco o descarta.

Nunha liña máis ben pesimista móvese tamén Xulio Rodríguez, presidente da SAT Labregos de Lugo. «Están estragados», di este agricultor mindoniense. Aínda que os grelos non son o cultivo máis abundante nas súas leiras, si admite que o tempo non contribuíu nin contribúe ao crecemento: «Están enchoupados», afirma.

Fronte a eses puntos de vista, de Javier Miranda, empresario hortícola de Riotorto, saen palabras favorables. Nun municipio como o seu, no que abundan as leiras en pendente, a choiva parece ter danado o terreo menos que en zonas máis chairas. El está a empezar a recoller grelos en terreos que suman en total unhas 15 hectáreas, repartidas entre Riotorto e Pacios (Castro de Rei). Por agora, di, percíbese interese no mercado, o que sin duda pode estar relacionado coa falta de mercancía noutros lugares. O prezo, un euro por quilo.

En mercados como o de Lugo, aínda é posible comprar nabizas mentres noutros lugares están xa os grelos á venda. O de onte, por exemplo, foi un día de boas vendas, e pasado o mediodía quedaban poucos feixes. Antes vendéronse a 1,25 ou 1,50 euros.